Opinión

Mancaron á Eólica Galega

A patronal sectorial Asociación Eólica de Galicia (AEGA) ven de denunciar que o sector no noso País vai perder 270 M€ co efecto do novo Regulamento estatal de enerxías renovábeis.

A patronal sectorial Asociación Eólica de Galicia (AEGA) ven de denunciar que o sector no noso País vai perder 270 M€ co efecto do novo Regulamento estatal de enerxías renovábeis. E ven de criticar, por morna e ineficaz, a actitude do Goberno Feijóo, que no canto de botar mán dos recursos xudiciais de inconstitucionalidade ou contencioso-administrativos abriu ineficaces procedementos de conciliación da Comisión Bilateral sen obter nin a máis mínima concesión de Rajoy nin do seu Ministro Soria, malia a influencia, quizais máis aparente ca real, que moitos lle atribúen ao Presidente do noso País na Moncloa.

"Galicia era unha potencia en enerxías renovábeis no 2008. Eramos o primeiro territorio do Estado en potencia instalada e o sector trascendía da mera explotación do vento galego,para pór as bases dunha punxante actividade de desenvolvemento industrial "

Galicia era unha potencia en enerxías renovábeis no 2008. Eramos o primeiro territorio do Estado en potencia instalada e encetáramos unha fase na que o sector trascendía da mera explotación do vento galego, para pór as bases dunha punxante actividade de desenvolvemento industrial que chegou acadar níveis de PIB sectorial semellantes ao da nosa industria conserveira.

Ben é verdade que o Goberno Zapatero, co seu Decreto de pre-asignación do verán do 2009, condicionou nomeadamente as posibilidades de desenvolvemento sectorial da xeración eólica galega e que a creba parcial do sistema financeiro español supuxo unha pesada pexa para os novos proxectos. Mais precisamente por estas circunstancias externas o Goberno galego non debeu anular o concurso eólico do 2008 e convocar un outro proceso que, en último de contas, está xa liquidado. Porque non había tempo para desenvolvelo e porqué se vulneraba a seguranza normativa da que haberían desfrutar os investidores.

"Por qué o Goberno galego non defendeu este sector de futuro no que eramos líderes?"   

No que atinxe á ruína do sector das renovábeis, o PPdeG non soubo, nin cumprir a doutrina Madison conservando o pulo do concurso bipartito que lle esixía o principio de seguridade xurídica, nin garantir o espazo vital dun sector que estaba a acelerar e industrializar a economía galega.

E velaí as resultas: un sector  industrial no que eramos líderes agunía sen reacción ningunha da nosa Xunta. Son as nosas empresas  de segunda categoría? Por qué o Goberno galego non defendeu este sector de futuro no que eramos líderes?   

          

Comentarios