Opinión

O lugar de En Marea

Os resultados de En Marea nas pasadas eleccións nacionais galegas foron obxectivamente positivos, acadando o segundo posto en votos por riba do PSdeG. Malia esta realidade, a maioría absoluta do PP e as elevadas expectativas xeradas arrefriaron en boa medida esta realidade obxectiva. Tampouco axudou o descoñecemento do candidato que, porén, foi a máis na campaña e revelouse como un candidato solvente, con grandes potencialidades e boa capacidade de chegada a amplos sectores sociais. Non só a eses sectores máis militantes e concienciados, que nin gañan eleccións nin definen a centralidade do País.

Mais o tempo político muda as prioridades a toda velocidade. E velaí Villares e En Marea enfrontándose á necesidade de cobrir o oco que está deixando baleiro a crise agónica do PSOE, estendida de vez ao PSdeG. Quere isto dicir que a Marea ha exercer a serio o seu rol de primeira forza da oposición e construir un discurso para maiorías, pivotado sobre a radicalidade democrática, mais tamén sobre o galeguismo e sobre propostas sociais e económicas transformadoras, pero realistas.

Villares contará no Grupo Parlamentario cun certo número de mareoescépticos, cando non con algunhas persoas que lle traballen á contra

Nesta liña de traballo, Luis Villares atopará, de certo, algunhas resistencias, nomeadamente nas direccións galegas de Podemos e de EU, que non aceptan de grao que En Marea sexa un partido independente, galego e de adscrición individual. Mesmo contará no Grupo Parlamentario cun certo número de mareoescépticos, cando non con algunhas persoas que lle traballen á contra. Porén, conta coa maioría galeguista e municipalista da Executiva Provisional e co moi probábel trunfo destas sensibilidades nun futuro e próximo Congreso que defina de vez os parámetros de traballo dos mareantes, afastándoos da perigosa e magmática indefinición.

En Marea precisa que se lle tome a serio. Que se lle vexa como nunha alternativa política seria e real e non coma unha moda. Para iso terá que medrar, madurar e evoluir. Terá que gañar un grao de confianza na sociedade para que se lle perceba como útil. Semella que Luis Villares, Xulio Ferreiro, Antón Sánchez e moitas máis son conscientes disto. Mais os inimigos son moitos e non están todos fóra.

Comentarios