Opinión

Grupo parlamentario, para que?

Hai dúas semanas defendía neste Sermos Galiza que En Marea ten dereito a formar grupo parlamentario

Hai dúas semanas defendía neste Sermos Galiza que En Marea ten dereito a formar grupo parlamentario de seu, consonte coa acaída interpretación do artigo 23 do Regulamento do Congreso, aprobado no verán do 1982  pola maioría UCD-AP para evitar a formación dos grupos socialistas vasco e catalán. Coincido nesta tese con xuristas notábeis, como o profesor Carlos Aymerich Cano (UDC) e até de agora non coñezo, con nomes e apelidos, nin un só que defenda a tese contraria, como supostamente manifestan esas anónimas fontes xurídicas que consulta a prensa madrileña, á destra e á sinistra.

Un Grupo Parlamentario é unha ferramenta. Que un partido divida os seus deputados en catro grupos é unha fraude de lei, con dano para os recursos públicos. Que cada suxeito político propio (“partido”, na acaída interpretación do artigo 23 do Regulamento) forme o seu Grupo é un dereito. En Marea, polo menos até de agora, constitúe unha realidade política subxacente, un suxeito político autónomo e diferente a Podemos.

En Marea, polo menos até de agora, constitúe unha realidade política subxacente, un suxeito político autónomo e diferente a Podemos

A cidadanía galega xa conta con que En Marea coordine os seus esforzos con Podemos e outros canto á rexeneración democrática, á transparencia, á axenda social ou a unha economía pensada máis para as persoas.

Mais  Galicia só achega o 5,5% da poboación e o 6% do PIB estatais. Os nosos alicerces económicos son prescindíbeis no contexto estatal. Diante dun futuro Goberno, nesta ou na vindeira lexialatura, vicepresidido ou mesmo presidido por Pablo Iglesias, os intereses galegos baterán contra outros intereses territoriais ou de determinadas elites sociais e financeiras con grande capacidade de presión política. Porque a tarifa eléctrica que como país produtor nos interesa baterá contra os intereses de territorios de grande consumo doméstico como Madrid. Os intereses da nosa construción naval poderían bater contra os andaluces, os do noso gas contra os asturianos, os do financiamento local contra os que priorizan os grandes pobos andaluces e manchegos e os do financiamento autonómico cos de Catalunya, País Valenciano, Illes Balears ou Madrid.

Velaí onde En Marea ten de demostrar a súa autonomía e a súa utilidade ao País. Unha tarefa factíbel, mais nada doada en Madrid.
 

Comentarios