Opinión

O grupo da Marea

Os moi bós resultados da coalición “En Marea” poñen no foco a adscrición dos seus deputados no Congreso

Os moi bós resultados da coalición “En Marea” poñen no foco a adscrición dos seus deputados no Congreso, porque a coalición cumpre os dous primeiros requisitos do artigo 23 do Regulamento do Congreso: máis de 5 deputadas (ten 6) e máis do 15% de votos en cada unha das  4 circunscricións nas que se presentou.

"A regulación parlamentaria prohíbe que os deputados dun mesmo partido se adscriban a máis dun grupo parlamentario"

   Porén, a regulación parlamentaria prohíbe que os deputados dun mesmo partido se adscriban a máis dun grupo parlamentario. Polo que os deputados de Podemos non poderían-segundo algunhas interpretacións-integrarse máis que no Grupo de Podemos, o que inviabilizaría o Grupo da Marea Galega, reducido aos 4 deputados eleitos non pertencentes a Podemos. Mais o que prohíbe o Regulamento é que o PSOE, o PP ou Podemos formen varios grupos en fraude de lei. E, neste suposto, as candidaturas catalá, valenciana e galega non son candidaturas de Podemos, senón candidaturas pertencentes a coalicións que son suxeitos políticos de seu nas que participa (de xeito paritario, cando non minoritario) o partido Podemos. Coalicións que, polo menos na Galicia,  non identifican a afiliación de cadanseu candidato, polo que o eleitor descoñece a pertenza de cada eleito a algún dos partidos coaligados ou a ningún deles, irrelevante a estes efectos.

"A norma tamén prohibe  partillar no mesmo grupo a representantes de partidos que non se tiveran enfrontado nas pasadas eleccións"

A norma tamén prohibe  partillar no mesmo grupo a representantes de partidos que non se tiveran enfrontado nas pasadas eleccións. E algúns dín que Anova e Podemos non se enfrontaron en parte ningunha, polo que o Grupo da Marea ficaría vetado. Mais  o que tenta evitar esta prohibición é, xustamente, que deputados pertencentes á mesma coalición ou, quizais, a distintos ámbitos xeográficos, poidan formar Grupos distintos e multiplicar os seus recursos materiais e mediáticos en fraude de lei. É dicir, os/as deputados/as de En Comú Podem (12 ) non poderán  formar dous grupos, malia quitar escanos abondo.  Neste caso, outravolta compre considerar “En Marea” como formación política de seu, o que lle outorga aos seus deputados o dereito a formar Grupo en igualdade de condicións co PSOE ou co propio Podemos.

Mais, con ser moi importante materialmente a formación de Grupo de seu, o relevante en termos políticos será a efectiva independencia do mesmo, como ferramenta dun suxeito político propio.

Comentarios