Opinión

Excepcionalidade por tempo indefinido

O Goberno do Estado acadou unha nova prórroga do estado de alerta dende a mensaxe que non había plan B e que era totalmente preciso non só por razóns sanitarias, senón tamén para manter as regulacións temporais de emprego con dereito a prestación ( ERTES).

Mais a lexislación sanitaria, estatal e galega e maila Lei de emerxencias de Galicia (2007) fornecen de case todos os instrumentos do estado de alerta constitucional (requisas temporais, posibilidade de prestacións persoais,medidas obrigatorias de control e monitorizamento de doentes, infectados asintomáticos e os seus contactos ). O único que achega de seu o estado de alerta é a restrición universal da mobilidade.

Canto ao eido social e económico, os ERTES por forza maior estaban referidos á duración do estado de alerta. Mais o Goberno do Estado pode referir esta duración a calquera outro parámetro, pois que a causa da forza maior non é o estado de alerta, senón a pandemia da Covid-19. De feito hai xa un acordo coa CEOE, UGT e CC.OO: para prorrogar os ERTES até o 30 de xuño.

É preciso o mantemento do estado de alerta? Por canto tempo? A resposta depende da necesidade desa restrición obrigatoria e universal da mobilidade, por non ser abondo o réxime de recomendación xeral, que por certo rexe xa na Alemaña ou Portugal. Lembremos que os Gobernos autonómicos manterían todos os demáis instrumentos, mesmo os de regular as condicións de accesibilidade e estadía nos lugares de traballo, comercios, lecer, etc.

A cuestión afecta substancialmente ao ámbito da liberdade da cidadanía..O presente estado de alerta foi interpretado polo Goberno central máis como estado de excepción, suspendendo de feito as liberdades de reunión e manifestación e importantes espazos de control político (inactividade dos portais de transparencia, anonimato dos expertos asesores do Ministro de Sanidade…). Máis grave aínda é a posibilidade de convocar as eleccións galegas nestas circunstancias. Como se van desenvolver os dereitos dos partidos e da cidadanía galega nese proceso electoral?

Mesmo no suposto do mantemento futuro do estado de alerta para todo o territorio do Estado sería posíbel que o Mando fose asumido polo Goberno autonómico, que é o que coñece mellor a realidade do seu País. Está previsto que o Goberno do Estado poida nomear Autoridade Delegada aos Gobernos autonómicos.

Velaí que a abstención parlamentaria do BNG fose a única opción posíbel. De non ser que demitira do seu propio carácter de forza soberanista galega e da súa liña estratéxica de afirmación da capacidade de autogoberno deste País. Liñas básicas que non dependen da conxuntura e hanse manter goberne quen goberne.

Comentarios