Opinión

Defensa penal e opinión pública

O procedemento xudicial pola morte de Asunta  chama a atención de certos desaxustes no funcionamento do sistema xudicial, malia que  os intervintes sexan tan bos profesionais coma os deste caso.

O procedemento xudicial pola morte de Asunta  chama a atención de certos desaxustes no funcionamento do sistema xudicial, malia que  os intervintes sexan tan bos profesionais coma os deste caso.

"Os dereitos dos investigados/imputados non poden estar confiados á mesma persoa á que se lle encarga darlle pulo á investigación xudicial"

Deste xeito, os dereitos dos investigados/imputados non poden estar confiados á mesma persoa á que se lle encarga darlle pulo á investigación xudicial. Non se pode repenicar as campás e estar na misa. Compre reformarmos a lexislación procesual penal para que o Xuiz fique só como Xuiz de garantías (acordar fianzas e prisións preventivas, decidir sobre un segredo sumarial limitado a moi poucas semanas...), confiándolle ao Ministerio Fiscal unha investigación na que a defensa habería comparecer dende o comezo en igualdade de condicións.  É aberrante que o mesmo xuiz que ten que lle dar pulo ás pescudas poida decidir a prisión preventiva duns imputados pouco colaboradores, como decretou no pasado algún antigo xuiz da Audiencia Nacional.

"Hai que anotar a desigualdade na que se atopan imputados e avogados defensores fronte demorados segredos sumariais aos que, en troques, si pode acceder o Fiscal como acusación pública"

Despois, hai que anotar a desigualdade na que se atopan imputados e avogados defensores fronte demorados segredos sumariais aos que, en troques, si pode acceder o Fiscal como acusación pública. Nomeadamente (como xa pasou en Lugo co caso “Campión”) cando é continúo o transvase de información dende diversas fontes con acceso ao sumario, remanecendo, entrementres,  a defensa absolutamente inerte, con grave vulneración do dereito constitucional á tutela xudicial efectiva. Velaí a necesidade de afrontarmos dende a defensa penal auténticas estratexias de comunicación competitivas no ámbito do chamado “xuizo mediático”, para compensar as presións indirectas destas filtracións en todos os operadores do caso, mesmo nos futuros xurados.

Tamén compre salientar que o segredo sumarial e as propias actuacións de investigación rematarán, por lei,  tan axiña sexa posíbel para que o caso poida ser sometido ao Tribunal do Xurado, previsíbelmente na Sección VI da Audiencia con sede en Compostela.

 
Son esixencias todas dunha xustiza democrática. Hai outra, pero non é Xustiza.  
    

Comentarios