Opinión

Crecemos moi cativamente

No 2014 Galicia foi o territorio do Estado no que menos medrou o PIB. Só un 0,5% fronte ao 1,4% estatal, o 2,5% rioxano ou o 2,2 % extremeño ou canario. Para máis, a nosa desindustralización é evidente, cun peso dos servizos que acada xa o 60%.

No 2014 Galicia foi o territorio do Estado no que menos medrou o PIB. Só un 0,5% fronte ao 1,4% estatal, o 2,5% rioxano ou o 2,2 % extremeño ou canario. Para máis, a nosa desindustralización é evidente, cun peso dos servizos que acada xa o 60%. E tamén é nidia a atonía no crédito.  Madrid, cun 18% do PIB estatal supón o 26,5% de crédito, fronte ao noso país, que ten que financiar un 5,4% do PIB estatal con só o 3,16% do seu crédito, mentres os avais do IGAPE ás empresas, que terían de compensar parcialmente esta insuficiencia, recurtáronse no 2014 un 60% a respecto do 2013.

"No 2014 Galicia foi o territorio do Estado no que menos medrou o PIB. Só un 0,5% fronte ao 1,4% estatal"

O presidente Núñez Feijóo ven de dicir que esta cativeza no crecemento galego é allea á súa responsabilidade por depender de circunstancias esóxenas propias dos sectores naval, enerxético e da automoción. Mais esta suposta falla de responsabilidades non atura unha análise obxectiva. A atonía do sector enerxético atopa boa parte da súa razón de ser na derrogación da adxudicación eólica de 2008, que xa estaba en fase de implementación no verán do 2009. Perdéronse dous anos  nun novo reparto eólico que foi xa imposíbel de instrumentar, por mor das novas restricións crediticias e de retribución. Galicia perdeu o liderado nun sector de futuro, non só no que atinxe á produción enerxética, senón ao mantemento dun sector industrial  que botamos a perder no novo escenario.

"O crecemento esixe de proxectos e de financiamento e non casa coa perpetuación da austeridade".

Canto ao naval, o Goberno galego non foi quén de facer realidade os seus insistentes anuncios de novas contratacións e non explicou aínda o futuro dos supostos investimentos de PEMEX. Mentres tampouco foi quén de defender a xeito a capacidade técnica e produtiva do naval ferrolán fronte á xestión catastrófica dunha ineficiente e centralizada Navantia. De pouco valen os supostos Gobernos amigos si non somos quén de influir nas súas decisións.

As responsabilidades por omisión da Xunta na liquidación parcial do subsistema financeiro galego e na ausencia dunha polìtica de reindustrialización tampouco son alleas a esta atonía económica. O crecemento esixe de proxectos e de financiamento e non casa coa perpetuación da austeridade.

Comentarios