domingo 19/09/21

Conciliarmos liberdade e saúde

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou este sábado 14-A a autorización que lle pediu a Consellería de Sanidade da Xunta para a vixencia da súa  Orde de 13-A na que se obrigaba  ás persoas usuarias do interior dos establecementos de hostalería nos concellos cualificados de  risco alto e máximo a amosar, quer o certificado de vacinamento ou de ter padecido a doenza nos últimos 180 días, quer unha proba negativa de Covid-19 das 72 horas anteriores.

Esta Orde reproducía a emitida o 22 de xullo, vixente até o xoves 12-A, cando o propio TSXG constatou a súa falla de vixencia por non ter pedido previamente a Xunta a autorización prevista na Lei da xurisdición contencioso-administrativa para as medidas sanitarias que os Gobernos autonómicos coiden precisas e urxentes cando supoñan a limitación ou restrición de dereitos fundamentais e os seus destinatarios non estean identificados individualmente. Decisión ésta que constituiu un grave erro, para nada desculpábel, da Xunta pola evidencia de que esa caste de “pasaporte covid” conlevaba tanto a comunicación a terceiros de dados persoais de máxima protección (o feito de estar vacinado ou de padecer ou non a doenza xerada polo Covid-19) como un tratamento desigual aos usuarios. Que había restrición ou limitación de dereitos fundamentais era evidente e só a Xunta non o viu.

Mais complexa era a decisión de admitir ou non estas restricións dos dereitos fundamentais (nomeadamente o principio de non discriminación  e o dereito á intimidade persoal), por ser ou non esas medidas de saúde pública precisas, proporcionadas e acaídas á súa finalidade. O propio Ministerio Fiscal considerou nun procedemento xudicial coetáneo que estas medidas estaban xustificadas. Mais varias das axencias e autoridades de protección de dados persoais do ámbito da UE dubidaron sobre a compatibilidade do “pasaporte Covid” co principio de non discriminación por i) non ser obrigatorio o vacinamento ii) existir colectivos que non poden vacinarse por razóns médicas ou doutra caste e iii) existir parte da poboación que aínda non lle foi ofrecido o vacinamento.

Nos vindeiros días coñeceremos os argumentos do TSXG, até de agora inéditos. Mais este proceso xudicial evidencia a necesidade de compatibilizarmos a eficacia e eficiencia das políticas sanitarias cos dereitos fundamentais e liberdades das persoas. Porque nin Galicia nin a Europa democrática en xeral poden loitar contra a Covid-19 ao xeito dos estados autoritarios ou totalitarios, ao xeito da China, Irán, Arabia Saudita ou dos Emiratos Árabes Unidos .

         

comentarios