Opinión

Centrarse no importante

En Marea obtivo o segundo posto nas eleccións nacionais do último setembro, con case o 20% dos votos emitidos e sobardando ao PSdeG. O seu candidato, Luís Villares, non tiña experiencia política previa, Mais foi quen de abrir bos camiños e expectativas nun proceso marcado de saída pola grande avantaxe en termos de coñecemento social, presenza mediática e experiencia no regate curto de Núñez Feijóo.

En Marea elixiu esta finde o seu máximo órgano entre Congresos, aínda dubidando entre construír unha organización política única de adscrición individual e cun liderado claro ou elixir un Consello das Mareas con varios voceiros que serva de mero enlace entre unha estrutura coaligativa das distintas organizacións locais, independentes e os partidos Anova, Podemos e EU. Semella, pois, que algúns sectores dubidan e mesmo queren parar o proceso lóxico dos acontecementos, pois que a decisión fundacional de Vigo, este verán, foi nidia no senso de construir unha organización única, de inequívoca base e obediencia galega.

O problema fundamental nesta andaina sexa o de clarificar as relacións de En Marea coa coalición estatal de Podemos e EU

Quizais o problema fundamental nesta andaina sexa o de clarificar as relacións de En Marea coa coalición estatal de Podemos e EU. Semella que a maioría dos mareantes e, dende logo, das súas bases electorais están pola independencia da organización galega e a colaboración con Unidos Podemos dende os acordos programáticos comúns e non dende a subordinación. Isto habería ter o seu corolario nos cadros de Podemos e EU: ou se está no proxecto estatal ou se está no proxecto galego.

A implosión do PSdeG abre un grande oco á acción política de En Marea e do BNG. Mais, no caso dos  mareantes, precisan no camiño construír organización dende os elementos territorial e sectorial, garantir a súa absoluta independencia do complexo Podemos-IU e visibilizar o nidio liderado orgánico e institucional de Luis Villares. Dende eses alicerces poderían consolidarse como referente da oposición galeguista e progresista e marcar tendencia nunha acción concertada co BNG, que precisan máis ca ninguén os gobernos locais progresistas.               

Sen eses mínimos, En Marea sofrirá as consecuencias da indefinición. E iso pasará factura  en termos electorais. E, ao mellor, súpeta.

Comentarios