Opinión

Análise crítica das medidas económicas (e III)

A) Medidas para autónomos canto ás cotas de hipotecas e axudas por fin de actividade.

Permítese aos autónomos (quer persoas físicas, quer societarios) aprazar até tres meses de cotas do financiamento con garantía hipotecaria sobre o local onde desenvolva a actividade. Mais suxéitase esta opción a requisitos de complexo trámite: cesamento de actividade por mor da alerta sanitaria ou perda de vendas nun 75%, ingresos/unidade familiar máx. 1.612 €/mes (increméntabeis por menores, maiores ou dependentes ao cargo) e outros. Ao tempo, axudarase aos mesmos autónomos que cesasen na súa actividade pola mesma alerta ou diminuisen a súa facturación nun 75% a respecto do semestre ou campaña anteriores, na contía do 70% da base de cotización, durante o tempo que dure o estado de “alarma”.

Falla esta normativa na complexidade de redacción, dúbidas interpretativas e xestión burocrática dunhas axudas que requiren extrema celeridade no seu outorgamento. E que esta medida non abranga, tamén, ás mutualidades de avogados, procuradores, arquitectos e arquitectos técnicos, alternativas ao réxime de autónomos.

B) Aprazamento cotas tributarias e da SS.

Os autónomos e pemes poderán aprazar até seis meses as cotas tributarias (mesmo rets. IRPF dos traballadores) e de SS dun trimestre. Tres meses sen xuros e os restantes ao 0,5%/ano (SS) e 1,875% /ano (tributos).

É unha medida moi cativeira. Cumpriría suspender a obriga de declarar o IVE 1T 2020 e o IRPF 2019 até últimos do verán e demorar o financiamento sen xuros un mínimo dun ano. O paquete do de 540.000 M€ do Eurogrupo, a suspensión das regras do déficit e a prima de risco actual fan posíbeis estas medidas.

C) Liñas de préstamos ICO e IGAPE para autónomos e pemes.

O Goberno do Estado aprobou unha primeira liña de 20.000 M€: 10.000 M€ para avalar nun 80% préstamos bancarios a pemes e outros 10.000 M€ para avalar eses préstamos nun 70% para grandes empresas. Os Bancos non poderían reestruturar ou compensar pasivo anterior nin vender cruzadamente seguros ou produtos financeiros. A finalidade é cubrir, en liñas xerais, o 25% dos gastos xerais anuais (ou o 50% da facturación/ano se fose inferior) das empresas prestatarias en operacións-tipo dun tae anual do 2% a 5 anos.

O economista eumés Yáñez Brage xa nos advertiu, hai algúns anos, do grave problema do racionamento do crédito ás microempresas e autónomos, nomeadamente nas economías máis periféricas e nos sectores de actividade máis informais. Porque o instrumento actual está pensado para que o monopolicen as grandes empresas e as medianas máis importantes. Malia todo, activouse o 10-A unha segunda liña de 20.000 M€ e fican pendentes outros 60.000 M€ aprobados para esta liña de avais polo Goberno do Estado, pendentes aínda de ser activados. As seguintes achegas haberían ir rigorosamente para as pemes, que constitúen o 99% do tecido empresarial galego. Douto xeito a falla de lqiuidez pode afogar no noso País milleiros de autónomos e pemes.

Mellor deseñada é a liña de avais da Xunta, pola que o IGAPE cubrirá os xuros e garantirá os avais de AFIGAL e SOGARPO por 250 M€ para un financiamento semellante a 4 anos, exclusivamente para pemes. Mágoa que o Goberno de Núñez Feijóo non acreditase na potencialidade do autogoberno para facer política empresarial, facendo medrar substancialmente esta liña como fai o ICF da Generalitar de Catalunya ou o Goberno vasco. E para facer do IGAPE a banca pública galega que a vindeira Recesión vai precisar.

Comentarios