luns 01/03/21

As razóns da nova vitoria de Feijóo

A ratificación da hexemonía absoluta acadada polo PPdG o pasado 12 de xullo require unha explicación que vaia máis alá dos avatares políticos rexistrados na última lexislatura. É necesario contemplar a dinámica dos acontecementos dende o ano 2009, no que Núñez Feijóo consegue de xeito sorprendente —tal e como recoñeceu posteriormente o propio protagonista— derrotar as forzas que conformaran o Goberno bipartito no verán de 2005. A partir dese momento comezou un novo ciclo político caracterizado por dúas realidades paralelas: consolidación dun novo liderado no vello PP (con moi poucas divisións internas, solventadas sen maiores problemas) e cambios sucesivos no espazo da oposición. Lembremos a secuencia do sucedido: Touriño e Quintana abandonan a dirección do PSdG e do BNG a pesar de que o resultado das eleccións de 2009 non xustificaba un afastamento tan expeditivo e rápido. A división operada na organización nacionalista a partir da Asemblea de Amio (xaneiro de 2012) provocou a aparición da AGE encabezada por X. M. Beiras e a súa posterior conversión en terceira forza na Cámara do Hórreo. Ao mesmo tempo, a prevista chegada de Xosé Blanco como candidato socialista foi substituída por alguén como Pachi Vázquez, que posuía unha capacidade competitiva nitidamente inferior. A conclusión foi contundente: na cita electoral do outono de 2012, Feijóo pasou de 38 a 41 deputados a pesar de que estabamos atravesando os momentos máis duros da grave crise económica desatada na zona euro.

No ano 2016 houbo novos cambios no ámbito da teórica alternativa a Feijóo. O PSdG —atrapado entre a renuncia de Besteiro por razóns xudiciais e a inestabilidade do cumio dirixente de Ferraz, dividido ante o apoio á continuidade de Rajoy na Moncloa— elixiu en primarias a Fernández Leiceaga para disputar a nova batalla electoral. O BNG tamén optou pola substitución de F. Jorquera por Ana Pontón. Para completar o cadro, configurouse unha nova formación —En Marea—, que agrupaba sectores nacionalistas e da nova esquerda estatal nucleada arredor de Unidas Podemos e que presentaba o xuíz Luís Villares como principal figura referencial. As urnas confirmaron, máis unha vez, a vitoria folgada do máximo dirixente do PP galego e alteraron a relación de forzas na oposición: EM acadou a condición de segunda forza e PSdG e BNG viron minimizada a súa representación con 14 e 6 escanos respectivamente.

Neste 12 de xullo o panorama da oferta opositora mudou novamente. O PSdG substituíu Leiceaga por Gonzalo Caballero e a Marea de 2016 escenificou —mediante dúas candidaturas— o esfarelamento do capital reputacional que tiña acadado nas institucións representativas. Só o BNG mantivo a súa proposta anterior, combinando unha realidade organizativa moi homoxeneizada —sen a pluralidade interna que o tiña caracterizado entre os anos 1982 e 2012— co liderado dunha figura, Ana Pontón, capaz de transmitir unha imaxe atractiva para moitos dos votantes que deixaran de apoiar a organización nacionalista.

O ciclo político triunfal de Feijóo construíuse, en gran medida, grazas aos erros, eivas e divisións presentes —en diferentes momentos e intensidades— no PSdG, BNG e En Marea. Ademais, loxicamente, das coñecidas fortalezas do PPdG: gran cohesión interna, presenza organizada en todo o territorio, apoio continuado dos principais poderes económicos e mediáticos. Para derrotar a unha forza tan poderosa —convén sempre lembrar que, nos case 40 anos de andaina autonómica, este partido só estivo 6 anos fora do Goberno galego— era condición necesaria que os distintos grupos da oposición tivesen maximizado a súa credibilidade diante da cidadanía.

A pandemia creou un clima de forte inquedanza social polas inseguridades que provoca nas condicións de vida. Neste contexto, pode operar, nunha parte relevante da cidadanía, aquela vella máxima de Ignacio de Loyola: “en tempos de tribulación, non facer mudanzas”. O aparato propagandístico de Feijóo excitou, con insistencia, semellante pensamento conservador para conseguir manter o poder. O éxito foi indiscutíbel. E os deméritos alleos, acumulados nos últimos 11 anos, tamén.

comentarios