Opinión

A memoria do bipartito

O pasado 1 de Marzo cumpríronse cinco anos da derrota electoral do bipartito e case non se rexistraron comentarios ou reflexións dos protagonistas daquela singular experiencia.Non perdamos de vista que a coalición gobernamental acordada entre PSdG e BNG no verán de 2005 naceu do histórico fracaso padecido por Fraga que posibilitaba, por primeira vez, a formación dun executivo galego sen a presenza de formacións procedentes da vella arbore da dereita posfranquista.

O pasado 1 de Marzo cumpríronse cinco anos da derrota electoral do bipartito e case non se rexistraron comentarios ou reflexións dos protagonistas daquela singular experiencia.Non perdamos de vista que a coalición gobernamental acordada entre PSdG e BNG no verán de 2005 naceu do histórico fracaso padecido por Fraga que posibilitaba, por primeira vez, a formación dun executivo galego sen a presenza de formacións procedentes da vella arbore da dereita posfranquista.

"Resulta sorprendente comprobar a pouca literatura analítica que se ten elaborado sobre ese período da recente historia política galega por parte das persoas mais involucradas nese acontecemento".

Resulta sorprendente comprobar a pouca literatura analítica que se ten elaborado sobre ese período da recente historia política galega por parte das persoas mais involucradas nese acontecemento. Os adversarios políticos e mediáticos daquel goberno teñen un relato moi simple que reiteran dende Abril de 2009:o bipartito era unha anomalía derivada da confluencia de espurios intereses partidarios e, xa que logo, non podía aguantar o paso do tempo.

Poren, o silencio alimenta a melancolía e favorece aos que pensan que Galiza só pode ser gobernada pola mesma familia política de sempre. Por iso creo que segue sendo recomendábel botar unha ollada a ese anaco da nosa traxectoria colectiva.

Os resultados do 1-M de 2009 confirmaron a vella máxima de que, habitualmente, as eleccións non as gaña a oposición senón que as perde o goberno. E neste caso, ademais, pola mínima. Tamén se cumpriu a coñecida tradición do distinto nivel de esixibilidade social a respeito das equipas gobernamentais dependendo da súa orientación. O PP de Fraga contou coa confianza da maioría do electorado durante 16 anos e o bipartito PSdG-BNG non tivo apoio suficiente para percorrer mais do 25% do traxecto temporal dos seus antecesores. Esta comparativa non debe agachar nin desculpar os erros e as carencias do goberno de coalición mais si debe ser adecuadamente ponderada para facer unha análise axustada das luces e das sombras da experiencia que naceu en Xuño do ano 2005.

"A frustración provocada polo resultado das urnas tivo unha tradución inmediata na dimisión de Touriño e de Quintana mais non foi quen de alimentar un proceso específico de reflexión sobre a realidade social galega".

A frustración provocada polo resultado das urnas tivo unha tradución inmediata na dimisión de Touriño e de Quintana mais non foi quen de alimentar un proceso específico de reflexión sobre a realidade social galega, o papel das institucións políticas nos procesos de cambio e as potencialidades e debilidades do nacionalismo de esquerdas.

Dende a década dos 90 do pasado século, a case totalidade das correntes do Bloque e os principais lideres históricos do nacionalismo moderno compartían un diagnóstico da realidade que contemplaba como verosímil, a curto prazo, a emerxencia dunha maioría social disposta a dar o seu apoio a un goberno galego hexemonizado polo BNG. Consecuentemente con tal apreciación, existía unha importante coincidencia explícita entre a grande maioría dos dirixentes da organización: era posíbel, e ademais desexábel, acadar canto antes unha presenza determinante na Xunta como medio de consolidar e ampliar a influencia social do nacionalismo galego. Por iso, en xuño de 2005, a pesar do mediocre resultado electoral, ninguén cuestionou –alén de certos matices críticos- a pertinencia do acordo de goberno acadado co PSdG. 

"O BNG tiña alimentado durante moitos anos unhas expectativas de cambio que non se traducían nunha axenda concreta de prioridades de actuación temporalizadas nas distintas areas de goberno".

O BNG chegou á Xunta cunha ampla experiencia na oposición parlamentaria e nas variadas fórmulas de goberno municipal practicadas dende 1982. Poren non tiña un coñecemento preciso das características do aparato administrativo conformado durante as lexislaturas de Fraga e das limitacións que iso podía provocar no alcance e na velocidade das mudanzas legais que tiña comprometidas no seu programa electoral. Tampouco sabía exactamente as marxes de manobra orzamentarias existentes para facer posíbeis as medidas transformadoras que se querían materializar a curto prazo. A necesidade de acordar un pacto de goberno co PSdG completaba un cadro de partida moi complicado: o BNG tiña alimentado durante moitos anos, entre a súa militancia e unha parte do seu electorado, unhas expectativas de cambio que non se traducían –no momento de acceder ás novas responsabilidades- nunha axenda concreta de prioridades de actuación temporalizadas nas distintas areas de goberno. A organización nacionalista tivo que ir facendo ese traballo durante o primeiro ano de estancia na Xunta e procurar, ademais, que non houbera unha excesiva distancia entre a militancia e os cargos institucionais. 

A experiencia vivida neses anos permitiu comprobar as dificultades existentes para conseguir unha relación harmónica entre o BNG no goberno e as organizacións sociais do universo nacionalista. Resulta obvio afirmar que calquera proceso de mudanza nas relacións económicas e sociais require dunha determinada simbiose entre forzas políticas e organizacións cívicas. No caso do BNG ese entendemento aparentaba ter, na altura do ano 2005, unha consistencia notábel. O tempo demostrou que ambos actores non foron quen de superar con éxito a proba do nove gobernamental. Tiñan que acertar na combinación de dous ingredientes tendencialmente contraditorios: o respecto pola autonomía das organizacións sociais e o apoio á continuidade do goberno. No canto de conciliar colaboración e crítica, houbo, en mais ocasións das desexábeis, unha incapacidade para dialogar e negociar as diferenzas e a consecuente derivada negativa concretada en comportamentos prepotentes e/ou corporativos por ambas partes.

"A experiencia vivida neses anos permitiu comprobar as dificultades existentes para conseguir unha relación harmónica entre o BNG no goberno e as organizacións sociais do universo nacionalista".

Un dos asuntos que suscitou mais polémica no ámbito da esquerda e do nacionalismo foi o relativo á chamada “política de chiringuitos”. O BNG tiña manifestado contundentemente a súa oposición ás decisións tomadas polos gobernos de Fraga en materia de creación  dalgunhas fundacións, entes ou sociedades públicas por entender que non estaban xustificadas dende o punto de vista da mellora na prestación dos servizos públicos senón que constituían mecanismos de implantación de lóxicas privatizadoras e/ou clientelares deturpadoras do papel que debe realizar a Administración galega como fornecedora de bens e servizos. Durante a estancia no goberno, a organización nacionalista eliminou determinados entes herdados do PP (singularmente na Consellería de Medio Rural) e promoveu novos organismos nalgúns departamentos co obxectivo de facilitar unha mellor prestación de certos servizos públicos. Estas actuacións provocaron desconcerto e oposición en sectores da base organizada do nacionalismo, demostrando que non existía unha suficiente discusión e posta en común a respeito da natureza destes instrumentos administrativos e da súa función no deseño das políticas públicas.

Polo demais, o BNG coñeceu directamente o modelo habitual de relación que ofrecen as empresas privadas de comunicación a toda aquela forza política que administra cotas significativas de poder político. E soubo, tamén, que o prezo de mudar as políticas de control gobernativo da información, nos medios públicos e privados, é tan elevado que sempre resulta tentador transitar polos atallos que outros xa utilizaron. Por iso, o compromiso de promover unha rexeneración da vida democrática é unha promesa electoral que non ten un custe económico explícito pero pode provocar unha grave perda de credibilidade e confianza na forza política que non cumpre adecuadamente o contido do seu contrato coa cidadanía.

Comentarios