Opinión

A importancia do diagnóstico

O BNG ten que realizar unha lectura acaída da nova situación e ser quen de tecer empatías e complicidades 

Nas últimas semanas, dúas persoas relevantes do BNG (o alcalde de Pontevedra e o secretario xeral de Galiza Nova) coincidiron en reclamar “maior contundencia” á organización nacionalista na súa actuación política.Na meirande parte dos medios de comunicación, semellante afirmación foi considerada como unha expresión crítica ao labor da dirección do Bloque.Mais alá da discutíbel pertinencia de semellante interpretación mediática, resulta evidente que esas declaracións suscitan algunhas interrogantes de certa importancia.

"Quen pense que o Bloque perdeu influencia nas dúas últimas citas electorais (europeas de 2014 e autonómicas de 2012) por non ser suficientemente radical padece un descoñecemento severo do que acontece no corpo social da nosa nación"

Qué se quere sinalar cando se demanda “mais contundencia” ao BNG? A falta de maiores concrecións por parte dos declarantes, o mais lóxico é pensar que se reivindica unha maior radicalidade na acción que desenvolve esta forza política.Tendo presente os cambios programáticos aprobados na Asemblea de Amio, en xaneiro de 2012, e os argumentos exhibidos para xustificar os mesmos, non é doado identificar a falta de contundencia que se proclama.Qué carencias debería superar o BNG para acadar ese nivel óptimo de radicalismo que semellan postular Miguel F. Lores e Alberte Mera?

Unha análise medianamente rigorosa do actual mapa político galego permite constatar que o Bloque posúe dúas fortalezas indiscutíbeis:unha estrutura organizativa solvente e unha notábel capacidade mobilizadora.Fora do universo bipartidista, non hai outra forza que teña consolidadas unhas virtualidades semellantes.Ao mesmo tempo, a formación nacionalista ten unha debilidade evidente:a persistencia do seu devalo electoral.A partir desta dupla realidade, é verosímil establecer unha relación causal entre a perda de votantes e a menor contundencia exhibida presuntamente pola equipa dirixente?A resposta está nos estudos demoscópicos realizados, habitualmente, despois dos diferentes comicios celebrados.As persoas que recoñecen ter optado pola papeleta do BNG outórganlle un nivel de intensidade (nas dúas dimensións:nacionalista e esquerdista) superior ao que se atribúen para elas mesmas.Noutras palabras:non hai votantes que manifesten un distanciamento crítico por mor da pouca contundencia amosada pola organización.Quen pense que o Bloque perdeu influencia nas dúas últimas citas electorais (europeas de 2014 e autonómicas de 2012) por non ser suficientemente radical padece un descoñecemento severo do que acontece no corpo social da nosa nación.

Non é a primeira vez que defendo, nesta páxina, a idea de que os problemas electorais do BNG non obedecen á suposta moderación da súa práctica política.Un diagnóstico desa natureza constitúe un grave desenfoque que non permite buscar aqueles camiños que permitan recuperar a sintonía cos sectores sociais que, no seu momento, confiaron na organización nacionalista.O acerto na descrición da realidade é a condición necesaria para poder mudala.Vivimos un momento especial.A coincidencia de diversos factores (crise económica descomunal, corrupción insoportábel, forte desconfianza nos partidos maioritarios) ofrecen novas oportunidades ás forzas que desexan un profundo cambio político e social.O BNG ten que realizar unha lectura acaída da nova situación e ser quen de tecer empatías e complicidades coas persoas que están fartas da miseria material e moral que lles ofrecen as elites gobernantes.

Comentarios