mércores 23/09/20

O conflito definitivamente internacionalizado

Definitivamente, a situación conflitiva que se vive en Cataluña adquiriu unha importante dimensión internacional. As decisións tomadas polo xuíz Llarena obrigan a pronunciarse, nos vindeiros meses, a diversas instancias xudiciais de Alemaña, Reino Unido, Bélxica e Suíza. Aínda que, obviamente, non o van facer sobre o fondo das graves imputacións formuladas polo instrutor do Tribunal Supremo si van ter que decidir sobre a pertinencia das extradiccións solicitadas e concretar, no seu caso, os delitos para os que se autoriza o axuizamento en territorio español. 

Semellantes decisións poden ter un impacto moi relevante no escenario interno -catalán e estatal- no que se está xogando o futuro da actual crise. No caso de que o ex-president Puigdemont non sexa extraditado ou tal medida só resulte operativa para algún presunto delito diferente ao de rebelíón, a estratexia do xuíz Llarena naufragará estrepitosamente e as formacións políticas que apostaron exclusivamente pola vía xudicial para xestionar este problema sufrirán un notábel contratempo.

Unha eventual desautorización dos correspondentes órgaos xudiciais deses paises á dureza exhibida pola instrución que se está practicando no TS podería ser un incentivo para comezar unha desescalada no ámbito penal e posibilitar a apertura de camiños para o diálogo político entre os partidos que conforman a Cámara lexislativa catalá. Se, pola contra, tal circunstancia fose utilizada por PP, Cidadáns e PSOE para redobrar a súa disputa polos segmentos do electorado máis proclives á belixerancia extrema contra os sectores independentistas, o presente bloqueo perduraría nun labirinto de moi difícil saída. 

Unha eventual desautorización dos correspondentes órgaos xudiciais deses paises á dureza exhibida pola instrución que se está practicando no TS podería ser un incentivo para comezar unha desescalada no ámbito penal

 

Hai outro aspecto da proxección internacional que merece ser destacado. Nos últimos días, tres medios de prestixio -The Times, The New York Times e Der Spiegel- editorializaron moi críticamente a respecto do tratamento do tema catalán por parte do goberno de Mariano Rajoy. Escreberon afirmacións e postularon actitudes que non aparecen nos posicionamentos habituais dos xornais que se editan en Madrid. Resulta moi rechamante o estrondoso silencio informativo que practicaron estas cabeceiras da capital do Estado: semella que prefiren que os seus leitores non coñezan opinións tan significativas en colegas que son referencias indiscutíbeis no sistema mediático europeo e norteamericano. 

Estamos ante unha asimetría moi rechamante no conflito catalán. O xuízo valorativo moi maioritario que preside a opinión publicada residenciada na xeografía estatal non se corresponde co que sucede máis alá dos Pirineos ou do Atlántico. Algúns, na soidade dos seus poderosos despachos, deberían reflexionar sobre o que está a suceder. A menos que subscreban a vella lóxica conspiranoica dos inimigos exteriores. 

Nota: este artigo foi escrito antes de se coñecer que a xustiza alemá rexeitaba extraditar Puigdemont por rebelión. 
 

comentarios