Opinión

100 días buscando titulares impactantes

Despois de tantos anos, calquera persoa que faga seguemento habitual da vida política galega podería pensar que o PPdG xa ten consumido a capacidade de sorpresa no labor analítico. Que non hai marxe para que xordan cousas novas, extraordinarias.

O sucedido nos últimos días desminte semellante hipótese. Nunca tiñamos visto o que aconteceu na sesión plenaria do Parlamento galego: o grupo que ostenta a maioría absoluta de escanos (41 sobre 75) abandonou o hemiciclo mentres interviña unha deputada de En Marea. O motivo proclamado: protestar por un chío persoal emitido pola parlamentaria. E, ademais, todos os voceiros do PP que subiron á tribuna esixiron a rectificación da interpelada aínda que o asunto no estivera relacionado coa temática pola que interviñan específicamente. A pesar do que digan coa retórica mais ou menos solemne, os discípulos de Feijoo aplican a vella lóxica de que o fin xustifica o uso de calquera medio. Que pasaría se ese comportamento fose protagonizado por En Marea, BNG ou PSdG? Que dirían as coñecidas terminais mediáticas? Non fai falta moita imaxinación para sabelo: as forzas practicantes deses métodos serían descualificadas por erosionar gravemente a institución parlamentar.

A pesar do que digan coa retórica mais ou menos solemne, os discípulos de Feijoo aplican a vella lóxica de que o fin xustifica o uso de calquera medio

Os voceiros do PPdG buscan, desesperadamente, titulares impactantes. Sen medo a facer o ridículo. Mentres o seu xefe afirma, en Madrid, que non sabe gobernar en minoría (confundindo, talvez, “saber” con “poder”), o “duro” Miguel Tellado descobre que Ferrol é a “zona cero” do populismo e non repara, en troques, nas posibilidades analíticas que ofrece Baltar no seu virreinato ourensán. En realidade, pretenden tensionar a dialéctica política para evitar que unha parte do seu electorado estabeleza unha distancia crítica co relato que lle contan dende San Caetano.

O presidente da Xunta decidiu celebrar con moito aparello publicitario os 100 días transcorridos dende a constitución do actual goberno. Esta práctica ten sentido cando nos atopamos diante dun cambio relevante na orientación e na composición das equipas xestoras dos asuntos públicos dun país. En troques, carece de significado analisar ese prazo do labor gobernativo cando estamos ante a continuidade da hexemonía do mesmo partido, reforzada, ademais, coa repetición nominal das persoas integrantes das distintas áreas de xestión.

Carece de significado analisar ese prazo do labor gobernativo cando estamos ante a continuidade da hexemonía do mesmo partido

Despois de 8 anos de maioría absoluta, que novidades substantivas podía ofrecer Alberto Núñez Feijooo cun goberno fotocopiado do existente antes dos comicios de Setembro do ano pasado? Aprobar os orzamentos de 2017 nos prazos establecidos regulamentariamente e sen aceitar ningunha das emendas presentadas polas forzas da oposición? Impor unha lei de acompañamento que segue sendo un caixón de xastre utilizado para evitar a necesaria discusión específica de cambios normativos importantes que non gardan unha relación directa coas contas públicas presentadas na institución parlamentar? Presumir da chantaxe verbalizada a respeito da convocatoria de prazas para o ensino público, culpabilizando preventivamente as forzas políticas que non aceiten apoiar os orzamentos de Rajoy?

Nestes 100 días invocados na parafernalia propagandística houbo un burato negro oportunamente agachado na maioría das crónicas do evento: o papel desempeñado por Feijóo no recente Congreso estatal do PP. A distancia entre as expectativas xeradas dende a contorna do presidente da Xunta e o que sucedeu no conclave madrileño foi abismal. O protagonismo do inquilino de Montepío ficou moi por debaixo da súa condición de único mandatario investido con maioría absoluta. E para completar o cadro do incerto futuro que ameaza o máximo dirixente do PPdG ficou evidenciada a pouca intención de Rajoy para favorecer a súa substitución como candidato nas vindeiras xerais. A partir desa premisa, cabe pensar que a perspectiva de recuncar na cita electoral de 2020 non encaixa coas ambicións exhibidas polo político dos Peares. E preparar o relevo supón asumir algúns riscos importantes: debilitar a monolítica unidade existente arredor da súa figura e non asegurar a consecución dun liderado alternativo con garantía de éxito nas urnas.

Comentarios