Opinión

En pé!

Este Día da Patria estaremos en Compostela milleiros de galeg@s que non nos resignamos a aceptar o devalo do país nin o desbalde das conquistas sociais. A conxunción dunhas institucións desvalorizadas e xibarizadas pola súa supeditación á globalización neoliberal, unhas políticas regresivas de recortes sociais e laminación de dereitos laborais e cidadáns e un agresivo proceso de recentralización están levando ao noso país, á maioría social, por unha pendente que parece non ter retorno posíbel.

Este Día da Patria estaremos en Compostela milleiros de galeg@s que non nos resignamos a aceptar o devalo do país nin o desbalde das conquistas sociais. A conxunción dunhas institucións desvalorizadas e xibarizadas pola súa supeditación á globalización neoliberal, unhas políticas regresivas de recortes sociais e laminación de dereitos laborais e cidadáns e un agresivo proceso de recentralización están levando ao noso país, á maioría social, por unha pendente que parece non ter retorno posíbel. O PP é hoxe o piloto desa carreira suicida cara o abismo, executando con entusiasmo a folla de ruta que lle marca a grande banca, os grandes lobbies e a troika.

Hai unha Galiza oficial que se resigna ao esmorecemento. Que constrúe discursos de mentiras amoreadas para tapar a crúa situación real e inocular como placebos na cabeza dunha sociedade desesperada. Hai esa Galiza oficial do PP e o seu aparato de propaganda que predica a aceptación submisa de todos os recortes e sacrificios como se foran algo inevitábel e como se ese purgatorio fose a garantía e antesala dun futuro mellor. Coma se da desfeita saíse algo bo.

"Fronte a esa Galiza oficial hai outra Galiza que nin “traga” nin se resigna. Hai outra Galiza que defende con uñas e dentes os seus dereitos, as conquistas colectivas e un futuro digno para tod@s".

 Predican a obediencia cega a Bruxelas, á Troika e a Madrid. Predican a obediencia cega a aqueles que nos extorsionan e estrangulan só capa de ser esa a garantía de que un día nos devolverán algo como premio polo noso sacrificio. Ocultan que nunca as cousas funcionaron en economía dese xeito e, sobre todo, ocultan que desta desfeita que sofre a maioría social hai algúns grandes beneficiarios que se erixen en salvadores, necesitados de comprensión polos seus erros e de apoio xeneroso para cumprir a súa misión. El@s son @s que están gañando a exportas nesta crise e acaparando o control da economía e as finanzas. 

Fronte a esa Galiza oficial hai outra Galiza que nin “traga” nin se resigna. Hai outra Galiza que defende con uñas e dentes os seus dereitos, as conquistas colectivas e un futuro digno para tod@s. Hai outra Galiza que sabe que estamos sometidos ao shock dunha verdadeira guerra social, vendo como os beneficios das grandes empresas e dos fondos especulativos aumentaron de escándalo nestes anos de crise e aínda utilizan o medo e a anguria ante o paro e a exclusión para impoñer máis precariedade, máis recortes de servizos e dereitos.

Hai outra Galiza que sabe que a centralización que está a levar adiante o PP desde Madrid e desde a Xunta é parte da mesma guerra. Os lobbys madrileños da corrupción quéreno todo, a oligarquía financeira, os oligopolios eléctricos e petroleiros, as grandes cadeas de distribución, os zugadores do orzamento público, as construtoras ...arrasan con todo. 

Hai outra Galiza que se ven poñendo en pé, mobilizándose activamente, fronte ás devastadoras políticas da Troika e das finanzas especulativas que dominan a Europa de hoxe e que teñen no PP un piar entregado. 

Con esa Galiza en pé estivo sempre e está o BNG, na resposta contra os recortes da sanidade e contra a súa privatización; contra os recortes do ensino e a súa rancia españolización; contra o acurralamento do noso idioma; contra a reforma laboral da xungla inhumana; contra o desmantelamento definitivo do naval; contra os recortes nos dereitos das mulleres (desde os recortes en servizos até esa ultrareaccionaria lei de aborto).

Con orgullo podemos dicir que esa valentía organizada permitiu acadar vitorias importantes: estamos gañando a batalla titánica contra o roubo das preferentes e subordinadas, vencendo á banca e a lei do PP que pretendía blindar o espolio; conseguimos parar Corcoesto e frear esa minaría colonial que abre o país en canal para deixar bombas de cianuro e contaminación e, estou certo, que gañaremos tamén a batalla contra a persecución fiscal dos emigrantes retornados por parte de Montoro.

"Este noso país precisa ruptura, ruptura co centralismo, ruptura coa resignación, ruptura coa impotencia, ruptura co discurso provinciano do unionismo, sexa monárquico ou republicano". 

Nin as multas, nin a represión e persecución gobernativas poden deter o impulso de xustiza que hai detrás de todas esas loitas. 

Esa Galiza en pé está tamén na acción institucional, nas alternativas que formulamos e na nosa acción de goberno en todos os concellos do país nos que temos alcaldías. Todos os concellos onde goberna o BNG son exemplos do “espírito de Riotorto” e do compromiso do BNG coa maioría social. Todos eles son xermolos da nación que queremos e o ano que ven queremos que medren e se multipliquen.

Este ano 2014 é un ano especialmente apropiado para poñer Galiza en pé. Coa convocatoria das consultas de autodeterminación de Escocia e Cataluña, este ano convértese no ano das nacións en Europa e demostran a todo o mundo que a reivindicación nacionalista é máis actual e urxente que nunca.

É lexítima e é normal. Os pobos queren -e nós tamén queremos- dotármonos de ferramentas para gobernar o noso país, para construír o noso propio futuro, para encarar a crise e construír un futuro para as novas xeracións. Queremos que as novas xeracións teñan nas súas mans as ferramentas que nós non tivemos aínda.

Para percorrer ese camiño, este noso país precisa ruptura, ruptura co centralismo, ruptura coa resignación, ruptura coa impotencia, ruptura co discurso provinciano do unionismo, sexa monárquico ou republicano. 

Para poñer freo á centralización, para vencer o centralismo desaforado, hai que romper con todas as dependencias, empezando pola subordinación política e pola colonización mental. Por iso precisamos poñernos En pé, por Galiza!.

Comentarios