Opinión

O triángulo vermello

Hai un par de días paseando pola rúa Príncipe de Vigo, atopei un amigo de tempo paseando con parte da súa familia espallada polo mundo. Estaban ollando para o trinque da tenda do Rei Zentolo, onde se expuña unha camisola co lema "son un toxo". Na lapela do gabán do meu amigo –chovía– levaba un diminuto triángulo vermello. No primeiro non reparei no significado. Xa cando preguntei, explicoume que representaba unha das varias categorías na que os nazis dividían os internados nos campos de exterminio. O triángulo vermello marcaba os sindicalistas e esquerdistas perigosos para o réxime nacionalsocialista alemán. Enténdase, pois, que obvie o nome do meu amigo de tempo.

No seu día eu levei na lapela da miña casaca un triángulo rosa invertido, símbolo de resistencia da comunidade homosexual, tamén clasificada como perigosa polo nazismo e os seus seguidores.

Chama a atención que no que outro tempo foron clasificacións de odio, hoxe se poidan entender –dinámica da epistemolóxica– como signos de resistencia.

Pasei o tempo de levar sinais de pertenza a unha comunidade, sendo, se cadra, esa ausencia de sinais externos non unha negación de quen son senón, antes ben, unha reivindicación da propia liberdade de non estar clasificado. Saberán que debería levar, case con certeza, non un triángulo específico senón un tetraedro con catro triángulos de cores, ou, se cadra máis apropiado, un diamante con múltiples facetas, pois non encaixo ao completo en ningunha das categorías específicas do odio.

Tamén son republicano por reacción á sen razón monárquica, aínda que non sei moi ben que cor lle corresponde no pantone nazi, pois de sempre houbo republicanos de todas as ideoloxías. Estes días estou de coresma, mais non polas celebracións relixiosas (unha patoloxía social) senón pola persistencia da monarquía, que nega a igualdade, liberdade e a fraternidade, como valores fundamentais. Serei eu un toxo? E, daquela, que cor corresponde aos toxos nas mensaxes de odio?