Opinión

Se eu fora ruso

Os puntos de vista fan ver a realidade de xeito distinto. Proben senón, coma cando nenos, a chiscar alternativamente os ollos. Verán, con abraio, como os obxectos mudan de lugar. Así, cando o que se le e se escoita nos medios de comunicación sobre un asunto é sempre do mesmo teor, sen variacións, compre reflexionar. A verdade, a realidade, non sempre é tan sinxela como nola presentan e ten, as máis das veces, arestas que nin sempre se observan decontado. 

Cando hai un conflito internacional, directo ou larvado, cómpre poñerse na situación do outro, aínda que só sexa para tratar de entender esa loucura que é unha 'escalada bélica'. Voume pór na posición dun gobernante ruso, de aquel que ten que garantir a seguridade das súas fronteiras e o peso específico do seu país na xeopolítica mundial.

Se fora gobernante ruso estaría amoscado polo número de ex repúblicas soviéticas que amosaron a súa intención de unirse a OTAN (Ucraína, Xeorxia, Moldavia) e polo número de estados da antigo Pacto de Varsovia que mudaron de bando para seren membros da OTAN (Polonia, Estonia, Letonia, Lituania, Romanía, Bulgaria, Chequia, Hungría, Eslovaquia). 

Se fora gobernante ruso estaría preocupado pola diminución do meu rol no mar Báltico e no mar Negro, que levaron a unha perda de saída natural a eses mares. No primeiro caso pola perda das chamadas repúblicas bálticas, Polonia e a República democrática alemá e no segundo pola perda de Ucraína, Xeorxia, Romanía e Bulgaria.  

Se fora gobernante ruso, estaría disposto a axudar a aquelas provincias de maioría étnica rusa que forman parte dunha república que agora se declara afín as posicións americanas (as provincias ucraínas do Donetsk e Lugansk). 

Se fora gobernante ruso, na fin, avaliaría que as invasións feitas en Abhazia e Osetia do Sur (2008) e Crimea (2014) apenas se tiveron consecuencias negativas na esfera internacional.

Eu non son gobernante ruso, mais si entendo a súa posición diante to unilateralismo occidental.