Opinión

O salario dos escritores (III)

Recunco no tema. Falo de min propio, da miña experiencia en Bruxelas. Cada vez que fun convidado a ler uns textos ou a calquera intervención pública (agás no Instituto Cervantes!), sempre recibín un salario na medida das posibilidades dos organizadores. Xa sei que é outra cultura, mais tamén hei dicir que se trata dun país pequeno (´Bélxica’), con tres linguas oficiais (Francés, Neerlandés e Alemán) e no que se escoitan centos de linguas pola rúa. E pagan a un escritor por ler textos nunha lingua estraña (o galego), co único consolo para eles de ter unha tradución proxectada nunha pantalla ou unhas fotocopias nas linguas oficiais de Bruxelas.  

Falo de min propio como organizador de eventos. Cando en Bruxelas organizamos charlas de escritores galegos ou actuacións musicais, sempre pagamos a viaxe, os convites e a residencia, e mais tamén unha pequena cantidade como contribución para os gastos diarios. Así foi sempre que estivo na miña man, até que chegadas outras modas, decidiron que os escritores xa estaban ben pagados coa ‘oportunidade de promoción’ e daquela afasteime das tarefas de organización. Ducias de escritores e músicos galegos poden dar fe. Sempre que organicei un evento en Galiza (poucas veces, por razón de residencia no exterior), paguei honorarios aos colaboradores (actores, bailaríns, músicos). Supoño que paguei porque nese momento podía, mais cando non puiden non celebrei o acto. Penso seguir así, pois coido que é de xustiza.

Aqueles que se din nacionalistas, que fan bandeira da cultura galega en xeral e da lingua en particular, deberían ser os primeiros en dar exemplo. Enténdese que aquelas opcións políticas que non defenden a cultura galega pasen por riba dos lexítimos dereitos dos seus actores, mais que o fagan os partidos galeguistas é unha vergonza e un contrasenso. Pretenden que todos sexamos militantes? Ou é que contan só cos militantes limitando así o espectro cultural a un grupo de acólitos? Coherencia, o demais é conversa!

Comentarios