Opinión

Random

Hoxe acordei coa palabra 'random' nos beizos. Dinlle unhas voltas ao porqué, como se a fin dos soños tivese necesariamente máis lóxica que o seu inicio ou o seu desenvolvemento. Se cadra ten máis relación co feito de onte estar argumentando a expresión 'everything is random'/todo é aleatorio, o que contradí, dalgún xeito, a arquitectura evolutiva.

'Random' é palabra usada no presente como un adxectivo para cualificar algo que se afasta do entendemento ou é produto do azar. Gústame esa acepción que eu entendo que se axeita bastante ao impulso da escrita, 'at random'/ao azar, quer destas columnas heteróclitas, onde non adoito falar directamente nin de política nin de actualidade (aínda que non sempre o consiga).

O azar non está na escolla senón na oportunidade. Esta frase lapidaria referente á escolla dunha palabra importada apareceu grazas a unha conexión 'random' das miñas neuronas. En realidade, son tantos os parámetros/variábeis que gobernan o mundo en xeral e as nosas vidas en particular que o futuro é talmente azaroso e resulta, porén, impredicíbel. Nin usando un modelo de prognósticos multivariante que elimine as variábeis espurias (redundantes) ou que limite os resultados residuais (irrelevantes) poderiamos predicir o futuro con certeza.

Daquela, a que ter medo, seguindo as consignas daqueles agoireiros que falan da nosa fin a curto prazo? Non, mellor observar a evolución das variábeis, analizar as situacións, eliminar as relacións espurias, traballar con modelos sólidos e despois, si, só despois, tomar decisións.

Noutras palabras, pensar sempre que aínda que non entendamos a evolución dun ecosistema nada na natureza nin na evolución da sociedade é realmente azaroso, senón produto da evolución conxunta dunha serie de variábeis. O que resulta azaroso/random é o control desas variábeis.

Aplíqueno aos incendios forestais, por exemplo, e verán como chegarán á conclusión de que o monte o queimamos todos (aínda que cadaquén teña un nivel distinto de responsabilidade).