Opinión

Prexuízos

Froito dunha instrución e dunha educación sentimental limitadas teño prexuízos. Froito do uso continuado da razón, esa gran compañeira e excelente remedio ansiolítico, teño consciencia deles e trato de eliminalos un a un, coma quen vai retirando espiñas logo de caer nunha silveira. Ter prexuízos é habitual (non sei se normal), como tamén resulta unha práctica saudábel ilos eliminado de vez. 

Vexo, pois, con certo estupor, que algúns xornalistas non aplican a mesma razón: repiten prexuízos e lugares comúns cada vez que teñen oportunidade, contribuíndo así á creación dun estado de opinión nesgado, cando non inxusto. 

Na miña vida, por sorte, fun seducido en moitas ocasións por homes e mulleres de idades ben distintas. Logo, esas seducións remataron na meirande parte dos casos coa mesma celeridade coa que se instauraran, é dicir sen maiores consecuencias. Gustaríame seguir sentindo esa atracción por clases etarias diferentes sen, por iso, ser considerado un ser aberrante ou un potencial cliente. 

Ao inicio deste ano, saltou a noticia do asasinato en Vigo dun profesor e sindicalista retirado. Deseguida os medios de comunicación comezaron a lixar o comportamento deste home con insinuacións de carácter edadista (prexuízos ligados á idade) e homofóbico (prexuízos ligados ás súas preferencias no sexo). O asasinado era sospeitoso de comportamento desviado da norma, pois mantiña relacións sexuais co seu presunto asasino, presuntamente tamén a cambio de favores económicos, pois, segundo as insinuacións do xornalista, non se entendía que un home maior tivera relacións cun outro home ao que triplicaba a idade se non había transacción económica por medio. Só lle faltou dicir que se fora unha muller xa sería outra cousa máis "normal". 

Preocúpame que a xuíza ou o xuíz encargados de impartir xustiza, se preguen a eses prexuízos e dean ás a unha serie de potenciais eximentes de culpa baseados, precisamente, neses lugares comúns e prexuízos enraizados na opinión pouco informada e na construción de estereotipos. Será que teño prexuízos verbo da xudicatura?

Comentarios