Opinión

Poros

Non é nova a miña teima coas membranas, aquelas fronteiras porosas que deixan pasar unhas substancias e impiden o paso doutras. Iso acontece na membrana celular mais acontece tamén a nivel social. Hai múltiples exemplos diso, entre outros o tránsito de ideas conservadoras, por non dicir excluíntes, entre clases sociais, que, nunha miraxe de desconcerto (as miraxes son iso, o desequilibrio dos sentidos e das percepcións), conseguen que as clases menos acomodadas (e menos conscientes politicamente tamén), adoiten posicións políticas que máis conveñen ás forzas da reacción e do inmobilismo. Acontece coa actitude que moitos integrantes das clases menos favorecidas (economicamente falando) teñen verbo da inmigración ou, sorprendentemente, da igualdade entre sexos e opcións sexuais.

A cegueira social, como ben conta José Saramago na súa monumental Ensaio sobre a Cegueira, é contaxiosa. O límite non se sitúa no que penses ou no que deixes de pensar, senón nos teus medos como persoa e como clase. O facilitador de membrana, aquel axente que faría posíbel o tránsito entre un espazo e outro non é pois a ideoloxía de base, senón o medo. O medo actuaría así abrindo os poros entre clases sociais e facilitando un irreflexivo devalar cara a posicións políticas conservadoras. Ben o saben os populistas (independentemente da opción política de base), que axitan a bandeira do medo á diferenza e predican unha unificación de mínimos.

Sempre aconteceu que as ideas dominantes o foron non pola cantidade de cidadáns que as sustentan de xeito natural, senón por aqueles que cegados polo gregarismo non atenden a razóns senón a consignas. Aférranse a cravos ardentes por razón de fe (ou sexa sen razón) a aquelas consignas (tantas veces de odio) que arboran os bandeirantes. A educación e a cultura son os mellores antídotos contra esta porosidade ideolóxica. Por iso é progresista defender con ardor a educación de máximos e non esta ridícula ideoloxía de mínimos que nos somerxe na barbarie ética.