Opinión

Paseo (II)

Seguindo as pegadas intelectuais de Jean Jacques Rousseau, fixen dos meus paseos diarios unha rutina de observación. Aproveitei a presenza de varias rutas marcadas para ascender aos montes Ulia e Urgull. A ascensión ao Ulia, resultou dura, pois dende Pasaia o primeiro quilómetro é de subida ininterrompida, con fortes pendentes e sen tempo para acougar. Mentres que o Urgull xa resulta unha ascensión máis leve. Así e todo as dúas foron pracenteiras pois puiden constatar a natureza no seu estado puro e unhas paisaxes espectaculares.

Nas excursións fun cavilando sobre o futuro destas illas de biodiversidade. É este, o da biodiversidade, un asunto que me preocupa (se cadra debería preocuparnos a todos, incluídos os que levan as rédeas da nosa sociedade). Daranse de conta que coa proliferación de eucaliptais, e coa talla de árbores nas cidades, o que estamos facendo é empobrecer a diversidade de especies nos ecosistemas, creando as condicións para que no futuro se dean situacións catastróficas. Por catástrofe non entendo necesariamente desgrazas cataclísmicas inmediatas. Enténdoas como o facía o matemático francés René Thom, autor da 'teoría das catástrofes'. Resumindo, como cambios de estado, de paradigma, neste caso ambiental.

A diminución da biodiversidade leva aparellado o incremento da posibilidade de novas pandemias, proliferación de pragas, desequilibrios ecolóxicos difíciles de prever, diminución potencial de bosques e océanos para absorber o dióxido de carbono... O panorama deixa, pois, un pouso amargo, pois non en van o cambio climático está ligado tamén á perda de biodiversidade. Haberá que ser optimistas mais cautos, e comezar dende xa a traballar neste asunto.

Un primeiro paso sería a limitación das plantacións de eucalipto que deberían quedar circunscritas e pasar logo a outra fase de non replantar. Esperemos que quen manda nos nosos destinos saiba pasear coa mente aberta e teña a afouteza necesaria para tomar decisións drásticas e inmediatas.