Opinión

Paporroibo

O día 25 de decembro, Nadal para moitos, acordei cedo considerando a data na que quen máis quen menos se refuxia no leito para reencontrar o caloriño, logo dunha noite de variados excesos. Eran as nove da mañá e non había tráfico. Ningún auto, camión ou colectivo pasaba diante da casa que abeira a estrada C-550, na que sempre se escoita o paso incesante de todo tipo de vehículos. Esculquei pola fiestra. Soaba o rechouchío segmentado dun paporroibo, que, apoiado nunha póla sen follas, enchía o peito e cantaba sen cesar. 

Eu empeñado na descarga de todas as mañás e o paporroibo sentíndose escoitado, sen o bruído de fondo que o tráfico amalgama. Dúas ledicias simples. Cruzáronse as nosas olladas, o paporroibo e mais eu. El mudou de póla a unha máis alta, para se situar ao meu nivel, coma se me quixera observar con máis vagar. Seguiu co seu trilo, mais desta vez había un non sei que de despedida. Eu rematei as pingas e el o chío. Dalgún xeito despedímonos cando na distancia se escoitou o ruído dun motor. Foise voando mentres eu regresaba ao leito para soñar nun mundo distópico (distinto das distopias tradicionais de ditadura, catástrofes e miseria ética), con apenas tráfico nas estradas e cos rechouchíos dos paxaros coma colchón de fondo. 

Tiven un acordar lento. Estaba só e o tráfico regresara no seu apoxeo insidioso. O paporroibo fuxira a lugares menos transitados e o sol vencera en combate singular ás nubes que outrora toldaran o ceo. Deixara de chover logo de varios días de chuvia con escándalo.

Pensei nese equilibrio cíclico, de treboadas e calmeiros. Sentei nunha cadeira, e como cada día de Nadal, nun ritual propio dende que teño o comando da miña vida, púxenme a ler un libro de aventuras (neste caso o relato de Artur Gordon Pym, de Edgard Alan Poe, en coidada edición de Aira). Tal vez para seguir soñado. Se cadra para fuxir da realidade. Quizais para ser quen de un día cantar coma un paporroibo e voar de póla en póla alegrando as mañás de calquera solitario, estraño no paraíso. 

Comentarios