Opinión

Os océanos e nós

Un recente documental (Seaspiracy), aparecido nunha plataforma dixital, está causando grande animación nos medios de comunicación e nos debates nas redes sociais. Hai que pensar que está pensado para impactar a opinión pública, mais a hipótese de que os océanos estarán sen peixes en 2048 e que o mellor que podemos facer é deixar de comer peixe non se sostén nin medio ben.

Se analizamos con obxectividade o que está acontecendo nos océanos do mundo, hai razóns para a preocupación e para a necesidade de toma de decisións urxentes. Lendo a prensa internacional de hoxe, lemos críticas polo uso masivo de redes de deriva no Océano Índico, informes sobre as illas de plástico no Pacífico, a autorización de vertido das augas contaminadas da central de Fukusima, a carreira aloucada para pescar cogombros de mar en Italia ou en Sri Lanka, as algas invasoras nos estreitos de Xibraltar, a acusación aos barcos de arrastre de fondo de emisión excesiva de gases contaminantes, o vertido ao mar de axentes químicos nocivos, chamadas de atención sobre o non respecto aos dereitos humanos en certas flotas internacionais... A lista é longa e podería alongarse aínda máis se incluímos os moitos casos de pesca máis alá dos límites legais estabelecidos, a acuicultura intensiva, que utiliza as especies de baixo valor comercial (as únicas ás que teñen acceso as clases sociais máis desfavorecidas) para alimentar as granxas acuícolas de salmón ou de atún vermello, os microplásticos...

Todas estas noticias hai que tomalas a serio, sendo elas síntomas de que o mar está enfermando por razóns de orixe humana, sexa de xeito directo (contaminación, pesca ilegal, vertidos nocivos) ou indirecto (mecanismos que aceleran o mudar do clima). É necesaria unha estratexia global para evitar a catástrofe anunciada).

Nós sabemos de mar e moitos (directa ou indirectamente) vivimos do mar. Emporiso temos que estar na vangarda da solución e non na retagarda da negación (e da reacción). 

Comentarios