Opinión

O gran xogo

A vida non é un xogo, ou tal vez si, mais nese caso as regras non están claras e hai que improvisar de continuo. Este sistema que nos tocou vivir, ou, mellor dito, a fase do sistema de produción/consumo si que semella un xogo: diabólico, mais xogo. Hai uns días, escribindo no caderno de peto, nunha entrada en inglés (disimulen a excentricidade), acuñei o termo MEGA GAME (gran xogo), para definir algunhas das características desta sociedade. MEGA serían as iniciais de Migración /Exclusión /Globalización /Aporofobia, en tanto que GAME correspondería as iniciais de Gregarismo /Apatía /Mimetismo/ Egolatría.

A primeira parte, MEGA, contemplaría algunhas das características do sistema económico mundial, con migracións forzosas (guerra, fame, ausencia de perspectivas), a exclusión social que iso supón nas sociedades de acollida, globalización da economía, coas súas lacras concomitantes e, finalmente, aporofobia, ou sexa, odio polos pobres, pois estes non entran na engrenaxe do sistema (nin producen, nin consomen, só sangran os recursos comúns).

A segunda parte GAME, reflectiría o que son comportamentos tribais, do particular ao universal. Unha sociedade gregaria, onde as masas se desprazan ao engado do consumo, dirixidas por algoritmos invisíbeis mais presentes. A mesma que contempla apática o progresivo deterioro das condicións de benestar ou a ausencia de perspectivas na súa propia contorna, cuxa única saída é a migración. Unha sociedade onde os comportamentos miméticos son a norma (ocultadores por unha banda e copia vil do que outros pensan ou fan pola outra) e onde a egolatría se traduce nun desinterese xeral pola situación dos demais e nunha obsesión pola conquista da notoriedade individual.

O mercado fai presión favorecendo o consumo daqueles que seguen os estándares de xeito acrítico. Outros, os que loitan por se defender da mediocridade, son ignorados cando non punidos. É probábel que non concorden coa miña análise, mais aí a levan.