venres 14/08/20

O futuro

É complexo delimitar o que na vida hai de real ou de soñado, onde comeza a desmemoria ou principia a autofición, que hai de real ou imaxinario nos feitos que se van reconstruíndo nos intersticios e lagóas da memoria, aderezados con anécdotas importadas dos libros que se leran, as historias que a un lle contaran ou os soños, que lembrados no acordar da mañá, acoden como imaxes diáfanas, de tal xeito que creemos seren eles parte das nosas vidas. Coido en pensar que é bo que así sexa, que se produza de xeito inconsciente esa mestura de realidade e ficción, que non é só literatura senón alimento necesario para seguir vivindo e pensando que a nosa vida (e a dos outros, por descontado), ten algún sentido, aínda que sexa navegando en augas mesturadas.

O futuro é aquelo que aínda non esta escrito. Resulta case sempre impredecíbel, pois non depende só das nosas accións ou sentimentos, senón dunha miríade de parámetros e circunstancias exteriores a nós. Sempre falamos do pasado, sen excepción, mesmo canto contamos o que está acontecendo, pois no instante mesmo de comezarmos a descrición de cales son os nosos sentimentos ou as nosas percepcións, estas xa son pasado.

O futuro é probabilidade e incerteza, estatíscamente significativas ou non. Por iso falar do futuro comporta riscos evidentes e unha exposición desnecesaria ás críticas dos analistas, que non dubidarán en providenciar unha descualificación se as nosas previsións foran, no punto, erradas.

Aínda así, caos mediante, considero que ao noso país se lle abre un futuro de esperanza nas próximas eleccións (sexan en abril ou non). Se gañan os de sempre, a esperanza estará fixada en limpar as feridas da batalla e procurar unha mellor construcción da alternativa na próxima volta. Se acontece a contrario e o poder muda de mans, a esperanza estará fixada en evitar os erros sistemáticos das ocasión anteriores (o tri e o bipartito), onde a alternativa non soubo convencer á sociedade do ben facer da súa xestión.

comentarios