Opinión

Normais

Do mesmo xeito que o que para uns é prescindíbel para outros constitúe obxecto de procura e aínda de gozo, o que para uns é normal para outros resulta excepcional. Afortunadamente a meirande parte dos que conviven en sociedade son distintos entre eles aínda que partillen características no seu comportamento social e privado. A normalidade é o excepcional, o produto dunha análise estatística onde a media non define a ‘normalidade’ senón que informa da súa situación aproximada (ía escribir ilusión). Así que se celebren partidos de fútbol con público (logo de varios meses sen que isto fora permitido) pode ser para uns un regreso á normalidade, mais para os que non se interesan nese deporte iso non forma parte da súa normalidade, mentres que acudir ao cinema a ver un filme na gran pantalla e quedar despois cos amigos para comentalo, pode ser entendido como un regreso á normalidade. 

Un pode (e quere) regresar ‘á normalidade individual’, que entrementres terá mudado, mais unha sociedade dificilmente poderá regresar á normalidade colectiva despois dun ‘cataclismo’ como o vivido. Falando en estatística, resulta imposíbel ‘regresar’ á situación de febreiro 2020, pois nestes meses aconteceron cousas que crebaron vidas, segaron outras e alteraron as máis. Pasaremos a unha nova etapa, onde a sociedade xa non será a mesma senón outra. Cómpre que o teñamos en conta para non experimentar sobresaltos. Sentáronse as bases (na innegábel crise sanitaria) para un maior control social dos individuos. Medraron as bases de dados, incluídas aquelas que sinalan a situación inmunolóxica individual. Medrou o estigma que sinala a noite como sospeita de comportamento afastado da ‘norma’. Medrou a vulgaridade na ausencia de estímulos culturais e tamén o individualismo, a agresividade, as psicopatías, os desequilibrios sociais... Hai minguas evidentes, por descontado, nin todas elas ligadas a restricións de saúde pública. Se cadra todos nós, a nivel individual e colectivo, deberiamos revisar as ‘nosas normalidades’.

Comentarios