Opinión

A guerra interminábel

Putin calculou mal. Sabía que a inacción da OTAN e das grandes potencias económicas que a sustentan non enviaría tropas a Ucraína. Contaba tamén co antecedente da anexión de Crimea en 2014 e a tímida reacción internacional. Calculaba que o seu sería un paseo militar polas chairas de Ucraína e que, en poucos días, conseguiría o seu obxectivo de entrar en Kiev, mudar o goberno ao seu antollo e xa, de xeito inmediato, tomaría conta do país enteiro instaurando un réxime semellante ao de Bielorrusia. Esas eran as súas pretensións a curto prazo, mais tal parece que errou nos cálculos. Os ucraínos amosan unha resistencia heroica e van vender caro cada milímetro do seu territorio e do seu orgullo como nación. 

Probabelmente o gobernante ruso conquiste gran parte do territorio de Ucraína no seu soño de restaurar a orde soviética anterior a era de Gorbachov. Mais unha cousa é conquistar, gañar batallas, masacrar poboacións e sementar a destrución e o terror e outra ben distinta manter un país baixo control. Algúns expertos sosteñen que unha forza de ocupación necesita dun soldado por cada 20 habitantes para controlar efectivamente un país. Non está claro que o mandatario ruso poida controlar de xeito tan sinxelo a 44 millóns de cidadáns que se resisten á barbarie. Certo que moitos partiron ao exilio (fálase de máis de 1,5 millóns), mais son máis os que quedan que os que fuxiron. Aínda máis, os que están fóra van axudar a catalizar a axuda aos que ficaron de todos os xeitos posíbeis. 
Mais pronto que tarde comezará a oposición crecente dos seus propios cidadáns rusos que para nada queren unha guerra cos seus veciños e que xa están comezando a sentir o impacto das sancións da comunidade internacional. 

Non sei se a guerra será longa como algúns expertos vaticinan. Coido en pensar que as batallas cesarán (tanta destrución ten un límite), mais que a reconstrución do país logo da barbarie significará tamén a continuación da guerra larvada e a expulsión final do exército invasor.