Opinión

Dor

Sando neno dicíannos que se tes comechón nunha ferida é que vai sandar. Segundo onde estivésemos –na aldea ou na cidade– aplicábannos os remedios a man, quer unhas pingas de augardente, quer de mercromina. Sentiamos comechón mais continuabamos na lea coa certeza de que a ferida ía sandar. Case sempre acontecía, pola combinación da inmunidade propia e do uso do antiséptico.

Mais co paso do tempo aprendéronme que as feridas de guerra non curan, cando menos non o van facer no tempo dunha vida e dunha xeración. Doen e só iso. Esa dor non é anuncio de curación senón de máis dor, de dor acumulada e crónica, ás veces tamén anticipo de desfeitas maiores. Dor que non se vai, pois a sucesión de desgrazas adoita non ter remedio: a morte dos inocentes, a fractura na sociedade, a xenreira acumulada e o odio inmenso a quen inflixe esas feridas incurábeis. Lembro, para ilustrar ese odio que xa existía antes desta invasión, que na miña visita a Kiev, hai agora seis anos, era moi popular o papel hixiénico coa efixie de Vladimir Putin, como indicativo da fonda aversión ao líder ruso. 

Tapar as feridas ou sandalas? Esta guerra comezou coa invasión de Crimea. Puxéronlle un apósito cos acordos de Minsk, e rebrota agora, pois o apósito podreceu, e produciuse unha nova agresión por parte de Rusia. Nada novo, simplemente que en troques de curar as feridas os dous bandos decidiron non as sandar, senón ocultalas. Eu non son analista político mais traballei varios anos nas beiras do mar Negro e puiden comprobar o desprezo dos gobernantes rusos pola Unión Europea e as ansias dos gobernantes xeorxianos e ucraínos por deixar a area de influencia rusa e achegarse a occidente. Falo dos gobernantes, cuxa opinión nin sempre reflicte a dos cidadáns, que adoita ser máis diversa. 

Coido en pensar que esta guerra vai terminar –outras virán– coa división da Ucraína pola fronteira do río Dnieper. Seguirá o odio e a dor, pois haberá agresións continuadas e as feridas non han sandar por xeracións.