Opinión

Despedida

Quixera despedir o ano como se merece, negando a súa existencia por ruín e inconfortábel. Mais non compre negar a realidade se un non quere entrar no delirio. Haberá, pois, que despedilo como é de lei, desexando que o que agora estreamos sexa mellor para todos, o que, en principio non debería resultar difícil. 

Este ano que agora remata faleilles unha morea de veces do cambio climático e das pandemias presentes e futuras, pois como xa saben existen varias ao mesmo tempo: a da Covid-19, por descontado, mais tamén a da Sida, que leva entre nós varias décadas e para a que non se atopou vacina, ou aquelas que levan entre nós tanto tempo que nin se sabe canto, como a malaria. Mais este foi o ano tamén en que se concretou unha outra pandemia invisíbel, a do medo, que xa levaba anos entre nós de xeito larvado, mais que agora semella dispararse polo efecto multiplicador das pandemias sanitarias e os efectos colaterais de guerras comerciais, populismos, catástrofes naturais e proxeccións de futuro (as máis delas catastróficas). 

Co paso dos anos (e xa entrei hai tempo na miña sétima década) fun virando optimista no privado e prudente no público. Se cadra por iso, malia estar reformado, sigo traballando todos os días, cantaruxo cando ninguén me escoita (cando me escoitan fanme calar por desafinado) e teño confianza na Humanidade como conxunto para confrontar estas crises de agora e as que puidesen chegar no futuro. Non se trata dunha confianza cega, pois nese caso sería un iluso e non un optimista, senón dunha confianza moderada pola observación da realidade mudábel dos nosos días. 

Convídoos, pois, a que aventen maos pensamentos e intenten por todos os medios pensar e actuar en positivo. Hai moito que celebrar, malia as moitas arestas e os variados atrancos que poidan atopar no seu ideal de vida. Pensen que calquera tempo pasado non foi mellor senón distinto e que, se cadra, a felicidade esta aí, nos pasos en volta, agardando a oportunidade de agromar.    

Comentarios