Opinión

Desercións

Ás veces reflexiono sobre as perdas ou, se cadra, mellor sería dicir sobre as desercións. Falo deses amigos que foron refuxio e compaña, complicidade e agarimo e que un día, sen que exista unha causalidade coñecida (o tedio, se cadra o tedio), desaparecen das nosas vidas e nós das deles. Pasan días e semanas, e a físgoa convertese cos anos en falla tectónica, e, daquela, xa non hai condicións para o reencontro.

Para continuar a reflexión en conxunto, en máis dunha ocasión enviei 'botellas de náufrago' a xeito de postais, correos ou mensaxes diversas. Hei dicir que, as máis das veces, obtiven respostas conciliadoras e non poucas veces entusiastas. Os varios remuíños, as burbullas de sociabilidade, a inercia de certos comportamentos, o cambio de paradigma nas comunicacións e quen sabe que outros vectores incontrolábeis leváronnos ao afastamento abrupto. O máis repetido dos argumentos é que non sabemos como controlar eses vectores/forzas que propiciaron o distanciamento, quer froito da inexperiencia comunicativa quer das eivas propias dunha deficiente educación sentimental.

Outras respostas foron máis frías, como se a formalidade do politicamente correcto aniñara nas mentes dalgúns deles. Entendían esta fase final da vida como un xeito de esperar pasivo, sen ilusións e sen soños que vaian abrindo sendeiros para a construción do futuro, vivindo, todos eles, nun tremedal de medos e inseguridades.

Reflexionei tamén que isto que acontece entre persoas, sucede tamén entre plataformas e organizacións políticas, que nun tempo non remoto tiveron un entendemento, mais que, devagar ou de xeito abrupto, por unha deficiente educación política, deixaron de lado a empatía propiciando a deserción ou o que é peor, o sectarismo primeiro e o odio despois. Pensei en quen sería o primeiro en lanzar unha botella de náufrago e dinme de conta, que na política, a empatía é un concepto inexistente. Sentín pena deles, moita, como antes a sentira por aqueles desertores pasivos, outrora cómplices.