Opinión

De polbos

O día 1 de abril é o día das bromas na cultura do norte de Europa, cultura na que tantos anos vivín. É o equivalente ao día dos inocentes na cultura católica. Broma parece que a comisaria europea de Saúde e Seguridade Alimentaria queira prohibir a acuicultura do polbo argüíndo razóns de benestar animal e poñendo especial énfase no feito de ser o polbo un carnívoro, o que, segundo ela, faría incrementar a presión extractiva sobre varias poboacións de peixes.

Eu entendo o do benestar animal, mais, enténdase o de todas as especies, comezando por esas galiñas que pasan toda a súa vida nunha gaiola, comendo penso e producindo ovos, e xa máis próximas na escala evolutiva as vacas estabuladas, os porcos, os coellos, os visóns e un longo etcétera de animais que case non ven a luz do día no que dura a súa vida, que viven nunhas condicións de restricións de espazo e de movementos. Argumentarase que os máis deles son herbívoros, mais a contrario non creo que nin os visóns nin os porcos sexan estritamente herbívoros, e os outros reciben pensos compostos, moitas veces enriquecidos con fariñas de peixe, antibióticos, hormonas, etc. Xa entrando na acuicultura acuática (fluvial e mariña) habería que prohibir a acuicultura do atún vermello, do salmón, das troitas, da dourada e da robaliza, por pór varios exemplos de peixes que se alimentan de fariña de peixe ou ben directamente de peixe vivo ou triturado.

Non fala a comisaria das granxas mariñas de especies que xeran beneficios millonarios como as de atún vermello, que, por certo, producen mormente para exportar ao Xapón. Non fala das macro-granxas gandeiras nin das granxas xa estabelecidas, altamente lucrativas (para uns poucos produtores), todas elas de animais moito máis próximos na escala evolutiva que os cefalópodos, que, ao cabo, son invertebrados e moi distantes dos humanos.

Comece a casa polos alicerces e non polo tellado. Se ten argumentos, use aqueles que sexan contundentes e non espúreos. E se é unha broma acláreo, por favor.