Opinión

Cuba

Voume expresar sen ambaxes: Cuba resiste como un réxime político totalitario. Ten que ser así. Ese e non outro era o obxectivo agochado cando os revolucionarios entraron na Habana. En canto chegaron ao poder, gañaron os que querían instaurar o goberno das clases populares que malvivían en condicións inhumanas. Ese era o obxectivo, mais a ditadura do proletariado pronto se converteu na ditadura do Partido Comunista de Cuba.

Eu visitei a illa no período especial, convidado durante tres semanas por unha viguesa que traballaba na oficina de axuda humanitaria. Souben de primeira man o sufrimento daquelas xentes despois do desmembramento da Unión Soviética e antes que comezara a cooperación de Venezuela con Cuba. 

Tal parece que as 243 medidas ditadas pola Administración Trump soterraron a tímida aposta de apertura dos tempos de Obama. Daquela o bloqueo fíxose insoportábel para a economía cubana, pois pararon as remesas de cartos e as mercadorías que chegaban do exterior. Ademais, a pandemia veu sumir no caos unha das maiores fontes de ingresos da illa, o turismo. Regresaron as colas do período especial (ía escribir espacial, polo afastado que xa parece), regresou o malestar que agora se magnifica polas redes sociais converténdose en odio.

Do que pasa agora recoñezo que non estou ben informado. Sóubeno polas palabras de varias testemuñas e acredito que así fora, que o 11 de xullo comezou unha explosión de rabia orquestrada pola oposición (interna e mais externa). Diso parece non haber dúbida e iso, tendo en conta a situación, parece o natural. Rebelarse en demanda de solucións.  

Sei que non compren equidistancias cando un país é o que sofre e outro o que oprime. Entendo que en primeiro lugar é urxente derrubar as barreiras que bloquean Cuba, para despois avanzar no diálogo entre cubanos de distintas sensibilidades. Biden xa tarda en reaccionar. Con bloqueo non haberá diálogo e sen el non se albisca unha solución a medio prazo. Tempos para unha posta ao día da revolución.

Comentarios