Opinión

Consecuencias

Ás veces as decisións políticas que semellan axeitadas (non as cualificarei de progresistas ou populistas, iso queda para o seu albedrío), poden non selo ao completo polas consecuencias non avaliadas. O goberno central adoptou a gratuidade das viaxes no transporte público de proximidade para aquelas persoas que realizaban regularmente os mesmos traxectos. Até aquí todo ben: magnífica medida, gran aceptación popular.

Adóitase dicir cando se proclama unha consigna política que 'o demo está no detalle'. Neste caso o demo está no uso que se fai desa medida. Acontece, pois, que non existe unha esmerada educación cidadá que poña os intereses do grupo, a solidariedade e a empatía por diante do interese, xa non digo individual, senón narcisista da propia norma. Explícome.

Os billetes gratuítos pódense reservar on-line sen que exista ningún problema se logo non se usan. A fenda dixital fai que un sector da poboación non teña incluída na súa rutina o uso das ferramentas on-line. Esas prazas de tren reservadas e despois non utilizadas, privan aos cidadáns que se achegan ao mostrador da oportunidade de viaxar. Varían as estimacións de viaxes non utilizadas, mais iso tanto ten.

O transporte público está para dar un servizo, e máis aínda para dar servizo a aqueles cuxa condición (económica ou etaria, ou as dúas a un tempo) os leva a que esta sexa a única alternativa de desprazamento.

Esta situación ilustra como unha medida aparentemente positiva pode afectar de xeito negativo a un sector da poboación. A norma é honesta nos seus obxectivos, mais pode ser mellorada. A solución se cadra non é simple, mais ocórrenseme varias, entre elas a de reservar unha porcentaxe razoábel (o 20%) dos billetes para seren adquiridos nas estacións de xeito presencial. En definitiva, respecto e educación. Xa saben, docentes, teñen moito traballo por diante en educación para a cidadanía. E vostedes, políticos, antes de lexislar, pensen en como evitar que os potenciais efectos negativos das normas afecten a un sector desfavorecido da poboación.