Opinión

Cerco

Amoréanse os problemas para o noso sector pesqueiro de cerco. Ademais da suba fulgurante dos carburantes, preséntase agora o problema da dispoñibilidade das especies, das vedas de pesca e das cotas das diversas especies obxectivo.

O do carburante é un problema que afecta toda a flota, quer de baixura (cunhas marxes de ganancia moi estreitas), quer de altura. Os carburantes transportados, refinados e almacenados hai meses, sofren un incremento drástico e inmediato en canto hai problemas de suba de prezo do petróleo. Non ten sentido esta suba inmediata cando estando almacenados os seus custos de produción eran menores. Aquí hai alguén que obtén lucro indebido.

Os cerqueiros que pescan nas nosas costas (unhas 150 unidades) non dan atopado xurelo, a especie obxectivo nesta altura do ano. O bocarte, que entra ou non está sendo de má calidade acadando prezos máis baixos que en anos precedentes. A veda da sardiña (fundamental para esta flota) non se abre até o 1 de maio e así andan os barcos que non conseguen defender mareas e salarios. Da xarda nin se fala coas restricións nas cotas adoptadas e pola pouca saída que ten no mercado local. Piden os cerqueiros adiantar ao 1 de abril a apertura da sardiña. Segundo eles melloraría as súas contas, agora está en números vermellos por mor dunha redución de 30% no volume de negocio. Non sei se isto vai ser unha solución, pois é ben sabido que a sardiña en primavera case non ten graxa e, daquela, os prezos ían ser ruíns.

Non sei se coa folga da baixura desta semana conseguirán que o poder central faga algo para mellorar os prezos do combustíbel (coido en pensar que o goberno ten pouca marxe de manobra neste asunto). O que semella necesario, para o cerco e para o resto da baixura é argallar un plan a curto prazo para facer viábel esta actividade. Pensadores teñen a Consellería e o Ministerio, e todas as asociacións profesionais do sector e da sociedade para chegar a un acordo. Que se xunten e revisen a xestión é urxente e necesario.