Opinión

Borges en Compostela

Cando eu tiña sete anos Borges visitou Compostela. Gárdase noticia desa visita por unha foto na praza do Toural, co inevitábel Ramón Piñeiro e a escritora arxentina María Ester Vázquez, a súa acompañante na altura e artífice do desvío de Borges a Compostela. De María Ester Vázquez, de raíces galegas nas rías baixas é a confidencia a un xornal galego daquela frase de Borges, que lle espetou un día: "si la literatura española del siglo XIX se salva es por Rosalía de Castro". 

Se cadra foi por iso un monte de anos despois ela foi homenaxeada polo PEN Club de Galicia co Premio Rosalía de Castro, por facer que Borges lera a Rosalía e por traelo a Compostela. Desa visita é a famosa frase do ilustre escritor:  "Edimburgo, o York, o Santiago de Compostela pueden mentir eternidad". Borges tamén pode mentir eternidade, pois os seus textos e o seu discurso transcenden á súa morte e van quedar na historia da literatura do século XX como manifestación dun xeito de pensar e de crear universos paralelos. De Borges e a súa relación con Galicia xa se teñen ocupado escritores de renome como Claudio Martínez Fer e eu non teño moito máis que dicir, pois non o coñecín de primeira man. 

Cóntolles isto porque o próximo luns será o aniversario da morte de Borges en Xenebra, lugar de elección para os seus últimos anos de vida. É ben importante escoller o lugar para descansar cando escasean as forzas. 

Borges deixou unha presada de libros e un sen número de conferencias, entrevistas, diálogos e disertacións varias. Lin varios libros seus e continuo a revistalos de a tanto, pois son dos moitos que o consideran mestre na escrita, aínda que nos separen xeracións e ideoloxías. Así e todo recoñézolle unha forte influencia. Haberá quen o teña afastado das lecturas polas súas posicións políticas, mais eu hai tempo superei esa enfermidade infantil que é o sectarismo. Sirva como exemplo a súa querenza por Rosalía, da que tamén o separaban xeracións e ideoloxía.

Comentarios