sábado 26/09/20

Arte contemporánea

Nunha tarde calquera deste verán, entrei no Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo). Ofrecían como reclamo dúas exposicións, unha absolutamente prescindíbel (gardarei no anonimato o nome da improbábel artista) e outra do respectado artista galego, o pintor Colmeiro. Colmeiro nunca foi artista no meu panteón de favoritos, mais iso é comigo e os meus gustos discutíbeis. O meu concepto de Arte contemporánea inclúe os artistas contemporáneos do tempo en que a exposición se presenta ao público. Autores falecidos, vangardistas verdadeiros ou falsos que eles foran, recoñecidos ou esquecidos, famosos ou incógnitos, poden ser definidos como grandes mestres ou artistas de mérito, insignes copistas ou descubridores doutros mundos e sensibilidades, mais nunca, en ningún caso contemporáneos. Picasso, Braque, Keith Haring ou Basquiat, poden ser reputados anovadores e até ‘modernos’ no seu tempo, mais non contemporáneos.

Hai tempo que o Marco deixou de ser un Museo de Arte Contemporánea para se converter en algo indefiníbel, a metade unha vergoña e a metade unha aberración. Fiquei triste nesta última visita, triste pola cidade que un día me acollera como cidadán e que visito coa asiduidade que me permite o afastamento laboral. Non sei como se puido chegar a esta situación de desleixo e abandono, de descrédito e ignominia. Non sei como se pode saír desta descontinuidade, algo absurda e caprichosa. Como case sempre a culpa, esa pandemia herdada de nacemento, anda moi repartida. Un poder omnímodo, unha sociedade anestesiada, unha burguesía (si, os museos finánciaos a burguesía) mimética doutras culturas ou abecerrada e inculta, quen sabe quen ten a culpa. Se cadra parte da culpa é miña tamén, que teño os gustos errados, que andei polo mundo e non souben recoñecer que a nosa esencia é o cutre, o absurdo, a negación da realidade, a anestesia mol de quen cre en pedras milagreiras, en augas máxicas, en políticos con moito led e poucas luces. 

comentarios