Opinión

No bo camiño

Van alá dez meses desde que no Bloque puxemos o ramo ao proceso de contraste #proponconnosco coa celebración da nosa XIV Asemblea Nacional. Foi, a asemblea de marzo, un punto de inflexión para a nosa traxectoria. O vivo debate de ideas, a análise fonda e sincera sobre as eivas que arrastrabamos nas formas de relación e de traballo nos campos social e institucional, a aposta pola soberanía como saída xusta á crise sistémica que caracteriza o tempo presente e a importante renovación  dos organismos e das responsabilidades internas protagonizaron aquel 17 de marzo do que saíu un BNG decidido a abrir unha nova nova etapa. 

Van alá dez meses desde que no Bloque puxemos o ramo ao proceso de contraste #proponconnosco coa celebración da nosa XIV Asemblea Nacional. Foi, a asemblea de marzo, un punto de inflexión para a nosa traxectoria. O vivo debate de ideas, a análise fonda e sincera sobre as eivas que arrastrabamos nas formas de relación e de traballo nos campos social e institucional, a aposta pola soberanía como saída xusta á crise sistémica que caracteriza o tempo presente e a importante renovación  dos organismos e das responsabilidades internas protagonizaron aquel 17 de marzo do que saíu un BNG decidido a abrir unha nova nova etapa. 

"Fixemos, centos de actos, xuntanzas e encontros con colectivos e entidades por toda Galiza dentro da campaña nacional Non é unha crise, é un roubo, coa que tentamos enmarcar as loitas particulares nunha análise globalizadora"

Dez meses despois, e aínda sendo moi cedo para realizarmos calquera balance, a análise do traballo realizado pensamos que permite indicar que estamos, colectivamente, no bo camiño.  

Non é unha crise, é un roubo

Fronte a quen osmaba naquela altura ensimesmamento e derivas ideoloxistas, o Bloque mantívose durante todo este tempo esperto, útil, vindicativo e activo en todas aquelas cuestións que marcaron a axenda política do país. Estivemos durante estes dez meses na rúa, mostrando a nosa oposición ás políticas da troika e do PP, acompañando as vítimas da estafa das preferentes, dos desafiuzamentos, a emigrantes retornados, a mocidade expulsada, as plataformas polo ensino, pola sanidade ou polo aborto, nas mobilizacións de Corcoesto, dos incendios ou pola sentenza do Prestige, facendo fronte -da man dos traballadores e traballadoras- aos peches de empresas como T-Solar ou Santa Bárbara, na defensa do noso naval, ... Nunca deixamos de traballar, neste tempo, en todas aquelas cuestións concretas que teñen a ver, como dirían algúns, coas cousas de comer. E fixemos, por iso, centos de actos, xuntanzas e encontros con colectivos e entidades por toda Galiza dentro da campaña nacional Non é unha crise, é un roubo, coa que tentamos enmarcar todas as loitas particulares nunha análise globalizadora que puxese en primeiro plano a necesidade de contarmos, como país, con capacidade política real para decidirmos nós sobre os nosos asuntos. 

O espírito de Riotorto

Se o traballo no campo social foi intenso, o ámbito municipal volveuse espazo chave para facermos fronte ás políticas imperantes e para demostrarmos que outras políticas son posíbeis. Alí onde o BNG goberna, as prioridades cambian e as persoas ocupan o centro. O modelo urbanístico, a aposta polos servizos sociais e pola igualdade, a posta en marcha de fórmulas de participación cidadá, o compromiso coa cultura, a defensa dun modelo de  concellos abertos e útiles á xente... foron e son trazos claramente identificábeis coa acción de goberno municipal do BNG. E foi o BNG quen encabezou, neste tempo, a resposta social e institucional a medidas inxustas e erradas como a Lei de reforma local, o repagamento sanitario ou o canon de Sogama. 

Non é oposición rutineira. Cómpre sermos ben conscientes da importancia de facermos dos concellos BNG un muro de contención fronte ás políticas do Partido Popular. Resulta da maior importancia en termos sociais, mais tamén en termos políticos. A nosa sociedade precisa recuperar a ilusión, saber que realmente hai alternativas, convencerse de que hai quen fai o que di cando ten oportunidade. Exemplos como o “espírito de Riotorto” mostran como a xente, cando ve esas alternativas concretadas, cando ve feitos detrás das palabras, é capaz de os asumir e defender. De aí a grande responsabilidade que temos alí onde gobernamos, e de aí tamén o noso esforzo, a nivel nacional, en avanzarmos na coordinación e visibilización das nosas políticas municipais.  

"O ámbito municipal volveuse espazo chave para facermos fronte ás políticas imperantes e para demostrarmos que outras políticas son posíbeis"

Propostas para saír adiante: Galiza pode

Non é este un tempo político sinxelo para quen entendemos obrigado confrontar as políticas imperantes non só desde a lexítima escenificación parlamentar senón, tamén e sobre todo, desde a achega de alternativas solventes e de propostas políticas alternativas e viábeis ás que hoxe en día nos son impostas pola UE e polos gobernos do PP ao seu servizo. 

Para unha forza como a nosa, que aspira á ruptura co réxime vixente e á apertura dun proceso constituínte realmente democrático en termos sociais e nacionais, resulta imprescindíbel comprendermos a natureza política da masiva desafección popular que hoxe se vive na nosa sociedade en relación ás institucións e ao sistema de partidos, cos crecentes índices de abstención electoral como un dos trazos máis destacados e recoñecíbeis. O repto, por iso, está en combinar acertadamente a mobilización social, a insubmisión e rebeldía municipal e a presentación e defensa de alternativas políticas solventes capaces de confrontar os problemas do país.  

Aínda sendo imprescindíbel, xulgamos que hoxe non chega con acompañar a rabia e a indignación cidadá, e nin sequera con darlle canle política para a direccionar contra o poder corrupto e ilexítimo que nos empobrece. Hoxe a sociedade galega precisa saber, interiorizar, que fronte ao malo coñecido hai algo bo por coñecer. Non é casual nin gratuíto o discurso político dun PP galego máis centrado en facer “oposición da oposición” que en xerar calquera tentativa de relato propio sobre a súa acción de goberno. Sedimentan na opinión pública a idea de que son “o menos malo”. Tratan non de presentar como boas as súas políticas, senón simplemente como inevitábeis: non nos gusta ter que tomar estas decisións, pero non queda outra. 

No BNG acreditamos, por isto, na urxente necesidade de facermos recoñecíbel unha alternativa clara, en positivo. Que mostre que fronte ás políticas imperantes, hai políticas alternativas. Que ilustre que para esta crise de réxime hai saída social e democrática. Que poña en evidencia que, alén dos xestos e do ruído parlamentar, hai quen aposta pola solvencia nas propostas e pola socialización dun proxecto de país capaz de ilusionar ás maiorías, coa xustiza social e a soberanía nacional como eixos.

"O repto está en combinar acertadamente a mobilización social, a insubmisión e rebeldía municipal e a presentación e defensa de alternativas políticas solventes capaces de confrontar os problemas do país".       

Foi xustamente neste sentido que se moveu a acción parlamentar do Bloque, nos parlamentos galego, español e europeo, co pasado debate sobre o estado da autonomía como mellor exemplo da nosa capacidade para centrar o debate político sobre as cuestións centrais para o país. A conversión de NGB nunha banca pública galega, a defensa dun modelo de financiamento propio, o desenvolvemento de políticas estratéxicas de apoio aos nosos sectores produtivos, ... A acción parlamentar do BNG estivo centrada en ilustrar as nosas alternativas ás políticas do PP en todos os grandes temas e, ao tempo, en defender o noso país como un país viábel e capaz de saír adiante se gañarmos a capacidade de decidirmos nós, en función dos nosos intereses, sobre todo aquilo que nos afecta. 

Camiñantes

O caminho é longo, mas eu sou caminhante / Meu olhar só sabe olhar adiante, canta a angolana Aline Frazao desde o seu proxecto A Minha Embala. Nesas estamos no Bloque, con ilusión e con irmandade renovadas, co esforzo militante de sempre e coa vontade inequívoca de darmos resposta política á grave situación social e económica que vive o noso país.  

Dez meses despois, no corpo social e militante do Bloque percíbense con  clareza moitos síntomas positivos. Mais somos conscientes de que queda moito por facer, tamén internamente. No Encontro Nacional de Organización día 30, en Rianxo, pretendemos por iso avanzar na concreción práctica daqueles acordos e conclusións da Asemblea Nacional que aínda non foron implementados polo conxunto da organización. Estamos cert@s de que, no aprobado en marzo, están moitas das chaves que volven facer ao Bloque unha ferramenta útil para a xente. 

"Nesas estamos no Bloque, con ilusión e con irmandade renovadas, co esforzo militante de sempre e coa vontade inequívoca de darmos resposta política á grave situación social e económica que vive o noso país".  

Queda moito camiño, por tanto, mais permitámonos tamén sentírmonos orgullosos e orgullosas deste BNG. Nun tempo en que a actualidade política varía en cuestión de horas, son moitas as imaxes que se superpoñen ao facermos repaso destes meses. Cadaquén, como é lóxico, ten as súas. Entre as miñas, Tareixa Paz no peche de  T-Solar, Federico de Riotorto en La Sexta explicando o rexeitamento ao copago, Lores recibindo premios europeos polo modelo urbanístico de Pontevedra, Secundino e o orzamento participativo de San Sadurniño, Paulo na Coruña e Ana na Mariña –moz@s amigos- imprimindo un novo ritmo ao traballo das súas comarcas, a homenaxe ás vítimas do franquismo en Ribadeo, o encontro con Oca despois do sol da Quintana do 15 de setembro, a carraxe polo Pindo queimado, os nosos alcaldes e alcaldesas obrigando o PP na FEGAMP a se opoñeren ás medidas do Goberno central, as mulleres do Bloque e o Todas somos elas, ...  

Somos camiñantes porque estamos nun proxecto colectivo que vai moito máis alá de conxunturas e de liderados. Conformamos, entre tod@s, unha traxectoria en común de lealdade ao país e de defensa dos intereses da súa xente. Somos as do Bloque. Os do Bloque. Dun Bloque recoñecíbel, activo e renovado, que deixou de se mirar cara a dentro e se centrou, novamente, en dar resposta aos problemas do país. Dun Bloque orgulloso do noso presente, mais ao tempo consciente de que podemos, debemos e queremos ser Bloque de moita máis xente, desde os nosos concellos, vilas e cidades. Estamos niso. Resoltos a avanzar, con moitos outros e outras, polo bo camiño. 

Comentarios