Opinión

Aprendimos a quererte

Aprendimos a querer a Francisco Carballo desde o instante mesmo no que o coñecemos. Pódese dicir así, en plural, porque plural foi a experiencia unánime no trato, de contado amable, colaborador, sorrinte. Sempre cunha resposta para calquera pregunta, sempre aberto a informar e a dialogar e sempre atento a
ouvir as opinións dos demais.

Aprendimos a querer a Francisco Carballo desde o instante mesmo no que o coñecemos. Pódese dicir así, en plural, porque plural foi a experiencia unánime no trato, de contado amable, colaborador, sorrinte. Sempre cunha resposta para calquera pregunta, sempre aberto a informar e a dialogar e sempre atento a
ouvir as opinións dos demais.

"Carballo, que foi un gran orador e que era recibido con silencio atento nas súas intervencións, pedagóxicas e claras, sempre tivo vontade de comunicar evitando o aborrimento e o lugar común".

Cando nestas semanas de ausencia lembro este ou aquel momento dos numerosos que vivín na súa cercanía, sempre se me presenta co rostro iluminado, a palabra atenta e o argumento faiscante.

A Francisco Carballo coñecino, non sei en que primeira ocasión, en Vigo, arredor da Asociación Cultural. Despois o trato xa foi un continuo permanente así fose na militancia política como durante trinta anos de xornalista en A Nosa Terra.

Recreamos moito todo aquel tempo cando preparamos o libro de conversas, pois foron moitas mañáns de sábado consecutivas no seu fogar dos Paúles en Marín.

Alí se abriu a todo, el que recoñecía que só nos anos da madureza fora quen de ser persoa de confidencias abertas. Todo forma un cadro de vivencias que se ensarillan unhas coas outras. Igual nos daba un consello de redacción, “Mellor escríbeo sintético e con poucos adxetivos. Entenderante mellor” como lembraba divertido e entre gargalladas o día do concerto de Mikis Theodorakis en Vigo, que organizara a Asociación Cultural en 1983, cando no momento de saír a presentar o acto recibiu unha enorme ovación. Todos pensaban que aquel home maduro, de pelo gris, era o propio artista grego e por máis que quería aclaralo non houbo maneira, “nunca tanto me aplaudiran”, dicíanos.

Carballo, que foi un gran orador e que era recibido con silencio atento nas súas intervencións, pedagóxicas e claras, sempre tivo vontade de comunicar evitando o aborrimento e o lugar común. Igual arrincaba un mitin co Cine Palermo de Vigo lembrando os mariñeiros galegos no golfo de México como pasaba á referencia de actualidade ou á inflexión filosófica con palabras que todos entendíamos e co
roncón permanente da dignidade de Galiza e a dignidade do ser humano. Era o mesmo Carballo que sabía tecer pontes no medio da tensión e da discordia, e que sofría cando a división facía o seu campamento temporal no nacionalismo galego.

"Era o mesmo Carballo que sabía tecer pontes no medio da tensión e da discordia, e que sofría cando a división facía o seu campamento temporal no nacionalismo galego".

Con el a Asociación Cultural deu un salto adiante, man a man con Xosé Luís Ruíz e outro fato de entusiastas que el conseguía levedar, estimulando iniciativas como o devandito concerto do “Canto General” de Pablo Neruda, –que nos recibiu hoxe nesta sala-, ou coas conferencias sobre “A paz no Mundo” nas que xuntou en foros consecutivos a Monseñor Arauxo, a Mario Benedetti, a Xan Barxa de Quiroga ou ao expresidente portugués do 25 de Abril, Francisco da Costa Gómes. Son anos de salto adiante no asociacionismo nos que miles de persoas se ensarillan no coñecemento directo do país, coas excursións de “Coñecer Galicia” en moitas das que Carballo era un dos guías ou cando se compuxo un grupo de audiovisuais que percorreu o país de Ribadeo a Tui e do Ferrol ao Barco de Valdeorras explicando dun xeito pedagóxico e atractivo tanto a Historia de Galicia como a vida e a obra
de Rosalía de Castro.

A alma de Carballo está alí sempre atenta e estimulante, como estivo en 1981 no resgate dunha fonda crise do semanario A Nosa Terra, que axudara a fundar, e que co seu impulso e o de Afonso Eiré, Xaquín Acosta e outras moitas persoas, alentou de novo e prolongou case tres décadas máis a exitosa andaina dun proxecto que se multiplicou en editorial e no que nucleou a súa outra grande aventura científica e de divulgación, que foi o grupo de investigación que retomou o espíritu da Historia de Galicia que saira adiante en 1979, con graves consecuencias legais para o propio Carballo. Con Lois Obelleiro, Bieito Alonso, Dionisio Pereira e Anselmo López Carreira, teceu aquela tarea que tanto o enorgullecía e na que aportou todo o seu saber e capacidade, alén de numerosos textos que permanecen vivos a actuantes.

Alí, na redacción de A Nosa Terra, foi onde máis intimamos con Francisco Carballo. Un Carballo que escribía editoriais, facía crítica de libros e foi permanente columnista participaba feliz nas reunións de xornalistas, sobre todo os anos anteriores a marchar ao seu fogar en Marín onde seguiu a ser un facho de
referencia ética para todas as persoas que levamos adiante aquela navegación. E cando lle fixemos en 1996 unha homenaxe, deu unha nova lección de desprendemento: “aquí aprendín moitísimo, —díxonos.

Eu, que fora educado na época franquista, dos seminarios, nunha Complutense que nos anos 50 era un cuartel de segunda categoría, através desta iniciativa eduqueime na democracia, no traballo colectivo, na actividade cultural e síntome satisfeito”.

"Un Carballo que escribía editoriais, facía crítica de libros e foi permanente columnista participaba feliz nas reunións de xornalistas, sobre todo os anos anteriores a marchar ao seu fogar en Marín onde seguiu a ser un facho de referencia ética para todas as persoas que levamos adiante aquela navegación".

Pero era ao revés porque foi Francisco Carballo quen nos deu aos demais a man que nos uniu cun tempo ido, o tempo heróico e oculto de Bóveda e Castelao, de Blanco Torres e María Miramontes, de Benigno Álvarez e Alonso Ríos. Poucas persoas da súa idade foron quen de mergullarse na lama diaria do cambio social e comprometerse tan por completo, sabendo que saíamos dun túnel ditatorial e precisabamos referencias sólidas.

Contábanos en maio de 1996: “poucos feitos foron tan influintes na nosa historia como o franquismo. Temor, desconfianza, incapacidade de crear un futuro... toda esta frustración callou na xente, e explica que as reaccións do máis novos fosen de rebeldía. O nacionalismo actual arrinca na ditadura e iso forzouno a dar unha resposta determinada. Agora o ambiente mudou pero o peso das súas respostas non se retira de repente. É lento saber como dar respostas adecuadas. Uns cantos, que tiñamos lembranzas infantís da época da República, fómonos incorporando a este movemento nos anos sesenta..”

[e continuaba]

“A memoria histórica é imprescindíbel para calquera persoa e para todo individuo. Na súa biografía a persoa debe ser consciente dos seus pasos, da súa infancia... No caso de Galiza non só estaba condicionada esa memoria senón que estaba directamente manipulada. Había dúas misións: liberar os contidos e o pasado en si mesmo e darlle datos á xente. Os cidadáns procuran nesa memoria para explicarse a si mesmos como persoas e como colectividade. Ese é un programa que non remata nunca, porque as xeracións nacen ao mundo en novas situación e precisan respostas novas porque están nun quilómetro distinto ao noso punto de partida”.

Así actuou sempre Carballo. Estando ao día, renovándose de continuo, moderno, avanzando sincrónico co seu tempo até o alento final, sempre actual, sempre curioso. Falei con el por última vez en Vigo, nun encontro casual. Tiña o mesmo entusiasmo de sempre, fose na angueira de Sermos Galiza, que colaborou a poñer en marcha ou na presentación dun libro sobre a igrexa galega. Cando lle enviei o libro de conversas con Xavier Vence, a súa resposta agarimosa, despois dunha lectura fulgurante que nos dícia que lle alegrara a tarde salmantina, encerraba o amor que seguro que faría extensivo a todos os que estamos hoxe aquí lembrándoo, “adiante, sodes o branco da bandeira de Galicia!!”.

"Había dúas misións: liberar os contidos e o pasado en si mesmo e darlle datos á xente. Os cidadáns procuran nesa memoria para explicarse a si mesmos como persoas e como colectividade". 

Non sabía como rematar este retrato do tempo que é de todos e todas nós con Carballo así que boto man do seu gusto pola poesía de Eduardo Blanco Amor, e leo un anaquiño da Marcha Fúnebre no “Poema en catro tempos”:

Na catedral da noite
resona o funeral das túas exequias.

 

Xacente moimento de ti mesmo
nos polidos basaltos do noiturnio,
avanta soavemente para o Alén
o teu branco corpo ispido,
deitado sobre o mar, cal nun escudo
que os xigantes submersos
erguen de cara a Deus coma un aldraxe.

O esculpido sorriso dos teus beizos trunfa do mar e da noite...

Agóirase a mañán nun alonxado incendio d’amatistas.

Lembremos e unámonos arredor do pensamento aberto, a visión galega, a man amiga e o sorriso contaxioso de Francisco Carballo.

Maceda, 27 de decembro de 2014

(Discurso lido na homenaxe a Francisco Carballo en Maceda)

Comentarios