Opinión

Davos: É a desigualdade, estúpid@s!

Na cimeira de dirixentes da economía mundial, que se está a celebrar en Davos, os participantes estudaron seriamente a proposta de rexistraren e patentaren a frase "É a desigualdade, estúpid@s!". A proposta procura impedir o uso público, e especialmente nos medios de comunicación (de persuasión de masas chamáronlles os poñentes), de catro palabras (máis unha vírgula) que "resume con perfección cal debería ser a principal preocupación das clases traballadoras en Occidente de elas conservaren a conciencia política que adquiriran non hai moitas décadas.".

Na cimeira de dirixentes da economía mundial, que se está a celebrar en Davos, os participantes estudaron seriamente a proposta de rexistraren e patentaren a frase "É a desigualdade, estúpid@s!". A proposta procura impedir o uso público, e especialmente nos medios de comunicación (de persuasión de masas chamáronlles os poñentes), de catro palabras (máis unha vírgula) que "resume con perfección cal debería ser a principal preocupación das clases traballadoras en Occidente de elas conservaren a conciencia política que adquiriran non hai moitas décadas.".

 "Case 7 anos despois do estoupido da crise financeira estamos a conseguir que o debate público se centre ao redor da corrupción e o descrédito da política"

As persoas participantes na cimeira parabenizáronse do éxito dos máis ricos en dirixiren e orientaren as preocupacións populares: "Case 7 anos despois do estoupido da crise financeira estamos a conseguir que o debate público se centre ao redor da corrupción e o descrédito da política. A cuestión da desigualdade non está na axenda das poboación europeas, nin norteamericanas."

Os participantes máis audaces avanzaron a posibilidade de secuestraren a investigación Desigualdade: non sabes nin a metade da que hai (Ou porque a desigualdade é moito peor do que pensamos1 xa que "pode inducir unha forte disonancia cognitiva nas poboacións que están a sufrir os danos colaterais da crise. Afirmar que todo o crecemento da economía estadounidense entre 1980 e 2010 só beneficiou o 10 por cento máis rico pode suscitar fondas dúbidas sobre a capacidade da economía de mercado asignar eficientemente os recursos." Un relatorio presentado polo Think Tank Fedea, con sede no Reino de España, afirma: "A crecente desigualdade é sen dúbida o prezo que se debe pagar para construír unha economía máis competitiva e dinámica. A redución salarial até acadar o punto de equilibrio permitirá achegarse ao pleno emprego dos factores produtivos, incluíndo a man de obra. Aprender só economía e inglés permitirá aos máis novos atoparen ocupación con máis rapidez nos estabelecementos de comida rápida, centros de chamadas e   supermercados e grandes superficies. Con baixos salarios e condicións de traballo precarias, por suposto!"

"A cuestión da desigualdade non está na axenda das poboación europeas, nin norteamericanas."

Este correspondente tivo acceso a unha copia de Desigualdade.... Segundo este estudo, entre 1980 e 2010 nos EUA os ingresos do 1 por cento máis rico multiplicáronse por máis de 4, mentres  para o 90 por cento máis pobre a renda media caía un 5 por cento. Un grupo de radicais que intentou rodear a cimeira repartiu follas volandeiras que, en grandes letras, proclamaban "EUA móstranos o camiño que percorrerá Europa de as poboacións non reaxiren." Foron rapidamente reducidos pola policía por alteraren, di o prego de cargos, "unha orde inmutábel para sempre asegurada."

Un delegado dun dos principais fondos de alto risco, que na súa mocidade fora comunista, comentou "Non sei de que me soa". As gargalladas dos seus colegas ecoaron nas altas, nevadas e fermosas montañas.

Seguiremos (des)informando.

Xabier Pérez Davila, correspondente en Davos.

Comentarios