Opinión

Non está fácil o futuro

  A xornada electoral do día vinte e un deu paso a un tempo de valoración e análise de resultados, de interpretación do que quixeron dicir as urnas, ou do que non dixeron pois case catro de cada dez posíbeis electores decidiron non participar no proceso. En todo o caso hai unha cuestión que non admite dúbida: os resultados.

A xornada electoral do día vinte e un deu paso a un tempo de valoración e análise de resultados, de interpretación do que quixeron dicir as urnas, ou do que non dixeron pois case catro de cada dez posíbeis electores decidiron non participar no proceso.
En todo o caso hai unha cuestión que non admite dúbida: os resultados. O PP reforza a súa maioría absoluta, manténdose como a forza maioritaria que mesmo incrementa a representación parlamentar, mais iso non significa que sexa realmente unha forza gañadora pois perde apoios en porcentaxe e en número de votos.

Neste contexto, o Partido Popular, a través da autorizada voz de De Cospedal, quere levar toda a auga ao seu muíño e propón que valoremos os resultados electorais na Galiza como un respaldo incuestionábel ás políticas levadas a cabo polo goberno de Feijóo, antesala das que agora aplica no estado Rajoy, políticas moi duras e restritivas de dereitos mais que a cidadanía, valorándoas como as únicas posíbeis segundo o PP, tería avalado nas urnas. E iso porque non en van Galiza foi o banco de probas en que o Partido Popular experimentou e aplicou as súas políticas de recentralización do estado, de recortes ou supresións en servizos sociais, en educación, en sanidade. Confírmase así o que o que xa se intuía durante a campaña: que o PP utilizaría a máis que evidente posibilidade de ter maioría absoluta como unha certificación democrática de aval ás súas políticas antisociais.

Neste contexto o repto, difícil mais non imposíbel, será lograrmos que Galiza continúe a ser un obxectivo polo que traballarmos, un lugar no vivirmos, un espazo para seguirmos construíndo soños

As outras dúas forzas con representación parlamentar, PSdG-PSOE e BNG, tamén perderon moitos votos, unha perda sen dúbida derivada de diferentes factores e susceptíbel de se analizar desde ópticas diversas, e baixaron en representación parlamentar. Unha parte importante deses votos foi parar a AGE, unha forza que emerxeu en enxurrada e que pasou da proclama inicial de ser unha “alianza puramente técnica para ir a unhas eleccións” ao máis recente anuncio de que se trata dunha “alianza para permanecer”. Permanecer, esa é a chave que abre algunha das portas do futuro político da Galiza pois esa permanencia, segundo como se conforme, terá importantes consecuencias non só no ámbito electoral mais tamén no social. Son tres as opcións posíbeis que se abren para AGE: ou ben ser unha organización dependente das directrices de IU en Madrid ou ben avanzar cara a constitución dunha forza de ámbito galego totalmente autónoma sen esquecer a opción de que cada unha das forzas que a compoñen actúe de forma independente. É este un asunto importante pois en función de cal for a solución a este dilema así será a resposta á toda a problemática que presenta a sociedade galega, sen deixar de parte as relacións coas diferentes organizacións nacionalistas de base.

Mais alén dos resultados, estas elección mostraron, sobre todo, que Galiza conta cun electorado con pouca conciencia nacional, e que a presenza de representantes nacionalistas no próximo parlamento é menor da que había no anterior; un electorado que castiga as políticas prácticas de defensa dos intereses sociais máis evidentes, deixando impunes as políticas máis restritivas dos dereitos sociais dos derradeiros decenios, xustamente cando no horizonte inmediato se albisca unha nova vaga de recortes, con toda probabilidade máis duros e inxustos, que baterán novamente contra das clases populares da nosa nación, por moito que o señor Montoro afirme que os Orzamentos do Estado para o ano 2013 son os “mais sociais da democracia”.

Non está fácil o futuro. O goberno do estado prepara reformas educativas tendentes a nos desposuír de competencias e a introducir no sistema educativo, agora a través de Lei Orgánica, elementos máis españolizadores; unha de cada catro persoas na Galiza está por baixo da liña indicadora da pobreza, especialmente no tramo de idade de 30 a 40 anos. A exclusión social é xa un feito contrastábel. As políticas económicas empurran cara á emigración a toda unha xeración. Neste contexto o repto, difícil mais non imposíbel, será lograrmos que Galiza continúe a ser un obxectivo polo que traballarmos, un lugar no vivirmos, un espazo para seguirmos construíndo soños, para seguirmos sendo nós por moito que os resultados electorais nolo poñan un pouco máis difícil, mais certamente posíbel.

Comentarios