Opinión

Nin abandono, nin resignación: desterrarmos o derrotismo.

No debate que se vén de iniciar no BNG, após os maos resultados do 20D e de cara á  Asemblea Nacional ordinaria do 28F, abundan os símiles náuticos. Debe ser reflexo dunha pulsión subconsciente onde o mar é un factor esencial para comprendermos o país. No entanto, permite tamén entroncar, con retranca, coa retórica da nova política e os seus novos enunciados e marcas. 

No debate que se vén de iniciar no BNG, após os maos resultados do 20D e de cara á  Asemblea Nacional ordinaria do 28F, abundan os símiles náuticos. Debe ser reflexo dunha pulsión subconsciente onde o mar é un factor esencial para comprendermos o país. No entanto, permite tamén entroncar, con retranca, coa retórica da nova política e os seus novos enunciados e marcas. 

Hai nacionalismo para alén do BNG, pero o Bloque é o único proxecto nacionalista

Así e todo, é evidente que arrecia temporal. E que facendo unha lectura en curto dos resultados non parece sinxelo albiscar máis que ameazantes nubes negras de tormenta a pairar sobre o proxecto nacionalista. E digo proxecto, pois se ben existe nacionalismo para alén do  BNG, é o Bloque até hoxe o único proxecto político que ten orientada a súa proposta política, tanto de programa como de alianzas, cara ao horizonte da plena emancipación nacional e social de Galiza. Sen subordinar ese obxectivo estratéxico á conxuntura. Porque a autoorganización non é apenas unha cuestión formal. Non se trata de mantermos unha organización propia, independente e diferenciada doutras, que tamén, senón sobre todo de o facer como instrumento para un proxecto político propio e diferenciado.

Confluencia

A coincidencia programática no concreto non existe a nivel estratéxico, non somos o mesmo proxecto

É evidente que coas forzas progresistas, nun sentido amplo, existen e existirán importantes coincidencias. É tamén obvio que estás son maiores canto máis avanzadas, comparativamente, sexan as formulacións de outros referentes do campo da esquerda. Mais esa coincidencia programática, non existe a nivel estratéxico.

Co que politicamente representa Podemos, e tamén as mareas, as nacionalistas de esquerdas deste país podemos confluír nas loitas concretas. Na defensa dos servizos públicos, na cuestión laboral, no feminismo, no ecoloxismo ou na procura dunha democracia plena sob o alargamento efectivo de dereitos e liberdades. Claro, que si. Porén, esas converxencias sob o concreto, que mesmo nos poden levar a dinámicas unitarias (a nivel social ou articulando esforzos e posicións no plano institucional), non se poden interpretar en chave de simetría ou de coincidencia xeral. Non partillamos nin mesmo proxecto estratéxico, nin exactamente a mesma causa política. Non por vocación, senón por pura e dura realidade. Non é o mesmo proxecto facer que Galiza forme parte da engrenaxe política dun proceso de reforma de España (por máis progresista e ben intencionado que for), que o de aspirar á plena soberanía nacional e popular precisamente como instrumento de ruptura (real) non só co Estado español, senón tamén coa actual UE, coa OTAN e co capitalismo neoliberal.

A única posibilidade de sumar esforzos sobre propósitos compartidos pasa ineludibelmente por non diluír a nosa proposta política na dos parceiros

Iso impide que se poida chegar a acordos ou mesmo a pactos? Non, claro que non. Se non o impediu a enorme distancia que separa o nacionalismo galego do social-liberalismo sistémico do PSOE, para evitarmos –atendendo un claro mandato popular-- o mal maior da dereita ultraconservadora e neoliberal do PP, menos neste caso. Porén, como as coincidencias son circunstanciais e concretas, non xerais, a nosa política de alianzas cara a outros axentes do campo popular ou progresista, deben ser tácticas e condicionadas. Isto significa, ao cabo, que a única posibilidade de sumar esforzos sobre propósitos compartidos pasa ineludibelmente por non diluír, ou disolver (na súa acepción química), a nosa proposta política na dos parceiros, por próximos que algúns os poidan ver. 

Derrota

Na cerna da defensa da "confluencia" subxaxe de maneira sutil unha idea demoledora: a da derrota.

Vén a conto isto ao fío do argumento tramposo de que o obxectivo político (que todas compartimos) de derrotarmos ao PP nas vindeiras eleccións galegas, e pular por unha mudanza de goberno nun sentido progresista e de maior compromiso co país, exixe inescusabelmente por renunciarmos a que o BNG presente a súa proposta política propia para sometela a consideración do povo, para nos “integrar” nunha candidatura unitaria de confluencia, baixo lideranzas alleas. Non vou negar que comprendo, malia discrepar radicalmente, que haxa quen de maneira construtiva e honesta sosteña esa opción acreditando en que é o camiño correcto. Entendo os motivos. Entendo as enormes gañas de lograr ese obxectivo. Entendo tamén o cansazo e o desgaste que unha parte da militancia e base social do Bloque acumulan após sucesivos reveses electorais. Entendo tamén que o factor biolóxico (a idade e o seu lóxico acurtamento na perspectiva temporal) prema para focar no curto, no inmediato. No aquí e agora. Entendo os medos e as dúbidas.

Mais na cerna desa posición, lexítima e respectábel pero equivocada, subxace de maneira sutil unha idea demoledora: a da derrota. A de ficarmos vencidas. A da imposibilidade material para desenvolver o noso proxecto político. A da incapacidade de podermos sumar e avanzar convencendo desde nós propias. A de que a nosa causa é unha utopía irresolúbel. A de que nunca atinxiremos o horizonte que anceiamos. A de que foi bonito mentres durou. 

Non hai proxecto, nin causa, nin propósito que se poida facer realidade sen a convicción de que é conquistábel.

Fronte a tendencia a nos instalar no diván, quer no laio quer no axuste de contas, acho que o momento é precisamente o de nos poñer diante do espello. Para nos sincerar colectivamente diante del. Para nos formular con franqueza sen límites unha pregunta fulcral: cremos, de vez, na posibilidade de facermos realidade o proxecto de emancipación nacional e social de Galiza que representa o Bloque Nacionalista Galego? Non é unha disquisición ideoloxista nin principista. Ao contrario, é a interrogante que nos permitirá (re)definir a nosa misión histórica e, por iso, a cuestión fundamental á que deberemos responder na vindeira Asemblea Nacional. Porque en función da resposta que lle deamos, serán unhas ou outras as coordenadas que marquen o camiño. Porque non hai proxecto, nin causa, nin propósito que se poida facer realidade sen a convicción de que é conquistábel. Porque non hai xeito de convencer a ninguén de se sumar a unha causa que se cre perdida ou imposíbel. Por iso ten razón o compañeiro Lores ao advertir do perigoso das mensaxes de debilidade, pois proxectar debilidade só nos fai máis febles. Pois afirmándonos nunha permanente dúbida, non sumaremos ningunha certeza cara a nós.

Resignación

Eu non quero transitar ningunha travesía no deserto. Ninguén quere.

Emporiso, debemos sacudirmos tamén a segunda forma na que se está a expresar o derrotismo: a da resignación resistencialista. Si, son evidentes as dificultades (cando non o foron?). Mais eu revólvome contra a retórica apocalíptica de que o que cómpre é atarnos aos mastros para enfrontar un dioivo colosal. Eu non quero transitar ningunha travesía no deserto. Ninguén quere. A resistencia é só unha opción se a concibimos como un paso previo para continuarmos a avanzar, non con vocación de permanencia.

Retomando os símiles naúticos do inicio, un compañeiro dixo nunha asemblea que diante do temporal que enfrontamos en lugar de abandonar a nave para nos subir a outro barco el optaba por nos somerxer, a xeito de submarino, para resistirmos o embate da marea e evitar tronzar. Independentemente de acreditarmos en se dispomos ou non desa capacidade anfibia, o problema dos submarinos é que teñen pouca capacidade e o que precisamos é de moita máis tripulación. Por iso, nin abandono nin inmersión. Cosamos as velas, apuntalemos os mastros, anovemos a ponte de mando, reparemos as madeiras vellas substituíndoas por outras máis firmes e ao tempo flexíbeis, e a falla de vento ou con el na contra, saquemos os remos e a remar. 

O futuro próspero que merece o noso povo pasa pola materialización do noso proxecto, da proposta emancipadora e de ruptura que é o BNG

Mais iso exixe tamén de recalcularmos o rumbo, de o trazar para alén do inmediato para gañar consistencia e evitarmos bandazos que nos desvíen ou nos entrampen en círculos. E sobre todo, de autoconfianza. De convicción. De ficarmos certas de que o que o futuro próspero que merece o noso povo, as clases traballadoras explotadas e precarizadas, a mocidade expulsada, as mulleres violentadas polo patriarcado, os milleiros de fogares sen ingresos, as compatriotas no limiar da pobreza e as moitas que por mágoa xa o ultrapasaron, pasa pola materialización do noso proxecto, da proposta emancipadora e de ruptura do nacionalismo galego Afirmando desde o acerto das nosas alternativas a nosa vocación maioritaria, hexemónica. De saírmos, ao fin, con fame de povo, con gañas de sumar convencendo, explicando, axitando, mobilizando. Construindo. Sabendo que todos os atallos conducen ao abismo da capitulación, que é a verdadeira derrota para calquera proxecto transformador/revolucionario. Por fortuna a moitas inda non nos derrotaron e non nos imos deixar vencer.

Comentarios