Opinión

Máis pobo para avanzarmos

  A realidade material e concreta imponse, malia que o relato dos medios de comunicación dominante fuxa dela ou mesmo a falsifique. Aí fóra, nas vilas dun medio rural que se consume ou nos barrios obreiros das nosas cidades, vítimas do andazo do desemprego, hai un pobo que sofre.

A realidade material e concreta imponse, malia que o relato dos medios de comunicación dominante fuxa dela ou mesmo a falsifique. Aí fóra, nas vilas dun medio rural que se consume ou nos barrios obreiros das nosas cidades, vítimas do andazo do desemprego, hai un pobo que sofre. Sofre en primeira persoa as consecuencias materiais e concretas dunha crise que levou por diante o máis mínimo sentido de garantía e que impuxo o desacougo. Padece tamén o saqueo reiterado que as clases dominantes --o capital-- impoñen a través dos partidos do sistema para seguir a engordar a quen máis ten arrebatándolle o pouco que lle resta a quen menos posúe.

Tras a xélida maraña das cifras, hai un país que abafa. Ducias de milleiros de fogares en que non entra un pataco e aos cales só lles queda o vieiro da economía de subsistencia, asentada na solidariedade familiar e veciñal. A pobreza e a fame hai tempo que asoman nas nosas portas e o fascismo comeza a ensinar a pata para nos amordazar. Non é unha esaxeración. Esaxeradas, e moito, son as dificultades que padecen @s nos@s compatriotas, recontando unha e outra vez as lentellas que non dan, cadrando unhas contas onde só hai gasto e apenas ingresos.

 Ao cabo, menos Ipad e aínda máis rúa en Coia, máis grada de estaleiro, máis corte e leira. Máis pobo.

Este contexto non admite pausas para a reflexión. O nacionalismo galego debe recobrar o alento, tras a mazada electoral, e continuar a liderar a resposta social. Non hai nin un minuto para nos seguir a ollar os pés. Cómpre, máis que nunca, erguer a vista e actuar de xeito decidido e áxil para tentar reverter este escenario desolador. O necesario remozado que o BNG vén de encetar, non provirá de sisudas diatribas internas, nin da palestra asemblear, por necesarias que ambas as dúas poidan ser. O Bloque só se pode, e debe, remozar como instrumento político canda a xente á cal aspira servir. Canda as clases populares que sofren e padecen.

A solución dos reptos que se lle presentan á fronte nacionalista, non pasan (só) por mellorar a presenza nas redes sociais e outras medidas no eido da comunicación ou da organización, por necesarias que estas sexan; senón basicamente por nos remangar (máis) nas trincheiras das rúas, luxando as mans co noso pobo, o que hoxe precisa máis de nós antes das eleccións. Ao cabo, menos Ipad e aínda máis rúa en Coia, máis grada de estaleiro, máis corte e leira. Máis pobo.

O próximo catorce de novembro É unha oportunidade para lle demostrar ás e aos galeg@s que se tomou nota. Máis unha ocasión para facilitar que se recoñeza socialmente en maior medida o perfil transformador e emancipador, non homologado do BNG. Débese, pois, facer da folga xeral a principal tarefa no inmediato, destinando --desde a sinerxía co sindicalismo nacionalista e de clase-- todos os esforzos a alentar unha protesta masiva que deixe en evidencia que o PP, á marxe dos resultados electorais, fica moi lonxe de representar a maioría social.

Sen soberanía calquera alternativa, por vistosa ou rompedora que sexa no formal, non pasará de puro espellismo.

Malia que poida parecer o contrario, o nacionalismo galego é hoxe máis necesario que o día 20, non por razóns identitarias, senón tamén e sobre todo por pura urxencia social. A conquista da plena soberanía nacional é indispensábel. Fulcral para nos podermos dotar dos instrumentos políticos con que enfrontar, de raíz, as necesidades do noso pobo, mais sobre todo para o empoderar, para lle devolver o “poder” que hoxe deteñen os poderes económicos. Soberanía para existirmos, nun contexto onde o imperialismo axe a través dun brutal proceso de re-centralización –intrínseco á lóxica do capital, mais sobre todo para poñer fin ao saqueo ao cal unha poderosa minoría somete a maioría. Sen ela calquera alternativa, por vistosa ou rompedora que sexa no formal, non pasará de puro espellismo.

Non é unha conclusión nova. Como conceptualizara o nacionalismo, no seu re-artellar contemporáneo en chaves anticoloniais, dado o réxime de dependencia que padece o noso país, non se superarán as contradicións de clase sen nos dotarmos de soberanía, nin haberá soberanía de feito se esta non é conquistada polas clases populares orientándoa para dar resposta ás súas necesidades.

Comentarios