Opinión

Cando as cifras van antes que as persoas

  Habitamos un tempo en que as cifras, eses caracteres máxicos destinados a facernos ver tanto a alegría dunha vitoria deportiva como a incomprensíbel, por infinita, extensión do universo, pairan sobre nós até encheren todo o espazo que temos para vivir. Cifras de recortes no sistema educativo ou na sanidade, en política asistencial ou no chamado estado de benestar.

Habitamos un tempo en que as cifras, eses caracteres máxicos destinados a facernos ver tanto a alegría dunha vitoria deportiva como a incomprensíbel, por infinita, extensión do universo, pairan sobre nós até encheren todo o espazo que temos para vivir.
Cifras de recortes no sistema educativo ou na sanidade, en política asistencial ou no chamado estado de benestar.

Estamos afeit@s a convivir coas cifras de desemprego, cifras de miseria e de fame compartida, como unha rede social na que cada vez o sistema rexistra máis persoas usuarias sen necesidade de chave de acceso; cifras de ricos cada vez máis ricos e de pobres cada día máis pobres. Cifras que falan de millares, de millóns, de euros transferidos a bancos e outros enxeños financeiros, con directivos, estes, si, vivindo moito por enriba de todas as posibilidades.

Cifras de abandono escolar, de frustración de proxectos individuais ou compartidos. Cifras.

Nos próximos días haberá de tomar posesión o goberno saído das urnas o 21-O, un goberno que se anuncia continuísta, un goberno para xestionar as cifras dunha crise intencionalmente provocada por un sistema avarento e inxusto onde a explotación das clases máis desfavorecidas é proporcional ao incremento de beneficios de quen explota.

Mais habemos necesariamente de nos preguntar, e as persoas, para cando?

Cada día cinco familias galegas quedan sen vivenda, e cada desafiuzamento afecta unha media de tres persoas. Porén, as cifras mostran millares de casas baleiras. Máis de 74.000 fogares dependen da axuda de familiares ou amizades para chegaren a final de mes, mesmo que o mes sexa de vinte e oito días. O gasto medio d@s pensionistas galeg@s supera por vez primeira o dos menores de 44 anos. E non será polas altas pensións que existen na Galiza, non. Unha de cada catro familias houbo de reducir os seus gastos en aspectos tan necesarios como a vestimenta. Das 35.000 persoas que viven no barrio de Coia, que protagoniza a reportaxe da entrada deste número, 14.000 padecen o desemprego, unha cifra dramática que fai difícil a vida en moitos dos andares das torres que construíron o barrio obreiro de Vigo.

Somos máis pobres, hai máis xente pobre da que había hai uns anos, e esa é a realidade que observamos, en toda a parte mais especialmente en barrios das nosas cidades en que a crise se mostra máis vizosa. E se o somos é, en parte, porque agora, cando as multinacionais e as grandes empresas ocupan todo o espazo que serve de soporte ao poder, a forza dos nosos ríos, do noso vento, toda a nosa enerxía, eólica, térmica ou hidráulica, engorda o patrimonio de empresas situadas fora do noso control, que espolian os nosos recursos para os vender fóra e fóra pagan, se pagan, os impostos. Os gandeiros non poden desenvolver as súas potencialidades e o medio rural fica sen habitantes porque decisións tomadas ben lonxe de Galiza así o establecen, para favoreceren outros intereses; coa pesca e a industria naval sucede outro tanto, sen falarmos das facilidades que o pasado goberno do señor Feijóo, e previsibelmente o próximo, dá para a nosa definitiva asimilación cultural ao propiciar que unha nova elite dirixente, desmesurada, verbalmente violenta e empeñada en crear un clima de desconfianza social e autoodio, carente de identidade coa terra que a sostén, todo en consonancia con esa nova mentalidade de recentralización e de unidade, goberne agora esta País, poñendo por encima de calquera valor a perda de poder e de peso de Galiza no conxunto do Estado.

Lástima que para isto non lles importen as cifras de pais e nais que non poden escolarizar as crianzas en galego, as cifras de perda de falantes da nosa lingua, nin as cifras de afectados polas estafas bancarias.
Mágoa que non lles importen as persoas.

Comentarios