Opinión

No burato

Para ser sincero, non recordo moi ben como empezou todo. Só sei que un día estaba na casa e tiña unha idea da que non me podía desfacer. Era moi estraño. Levaba un tempo no que xa non me atopaba moi ben pero o de aquel día era esaxerado. Comecei a chorar e case por instinto chamei a miña nai. Non sei nin como o fixen, só recordo a súa voz preguntándome que ocorría e eu non ser capaz de responder de forma intelixible.

O que pasaba é que tiña unha depresión. Non lle dixera nada a ninguén até aquel día e iso foi o peor modo de afrontar a situación xa que a soidade só empeoraba o meu estado. O que fai a depresión é confundir os teus pensamentos, faiche entrar en bucles infinitos nos que nunca gañas ti. Ela faise máis forte e ti cada vez máis pequeno. Por iso é indispensable falar cando comezas a sentir que aparecen síntomas, ou simplemente falar cando o necesitas. Porque a outra persoa pode darche un punto de vista distinto que rompa eses ciclos infinitos e reconducir os teus pensamentos. Porén, o problema da depresión non é tan doado de solucionar...

As enfermidades mentais están rodeadas dun forte tabú que dificulta a súa comprensión e, polo tanto, a súa detección. Tanto as persoas que as sufrimos, como as persoas que nos rodean, carecemos dos coñecementos básicos para afrontar a situación. Algo sorprendente cando as cifras marcan que un 6% da poboación do Estado español padece ou padeceu unha depresión. Máis cando se estima que nas vindeiras décadas a cifra aumentará até o 10%. 

Con todo, se logras reparar no que che está a acontecer a cousa non mellora demasiado porque as institucións tampouco están preparadas. Faltan medios e persoal, así de sinxelo. A pesar do constante aumento das cifras de afectados o número de especialistas na sanidade pública segue moi por debaixo da media europea. En España hai 9 psiquiatras por cada 100.000 habitantes cando en Finlandia se superan os 100; 6 psicólogos por cada 100.000 cando no resto da Comunidade Europea a tendencia sitúase nos 18. Isto repercute de forma directa ao paciente, quen se ve abocado a listas de espera que poden chegar até os 3 meses (ou máis) e a falta de continuidade nun proceso longo que require de constancia.

Ademais, isto non remata ao finalizar ese proceso e recibir a alta médica. A depresión non se cura, aprendes a vivir con ela, cos seus vaivéns e coas súas consecuencias e, polo tanto, require de certa continuidade no traballo para con ela. Eu non tendo a falar do que me aconteceu ou dos episodios, eses pequenos letargos que nin sei de onde veñen. Non o fago sobre todo pola reacción da xente. A maioría das veces non entenden o que lles digo e acaba sendo unha comunicación frustrante que empeora a situación. Peor aínda cando revelo a idea que non era capaz de sacar da cabeza aquel día: o suicidio. Entón si que sinto como se non tivese ningún tipo de conexión co meu interlocutor e só penso en volver atrás no tempo e desdicirme para acabar coa conversa. Todo isto non fai máis que afondar na problemática e alimentar o tabú que rodea estas patoloxías, un tabú que cada vez é máis imperativo romper xa que con el xorden cifras verdadeiramente preocupantes. 

Só durante o ano 2020 o número de suicidios ascendeu até os 307 só na Galiza. En todo o Estado español a cifra ronda as 12 vítimas diarias e organismos internacionais como a OMS falan de “problema de saúde urxente” ao presentar números como o de 1 suicidio cada 40 segundos a nivel global e un cociente de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes.

Por iso, se non concienciamos a sociedade sobre esta realidade pouco poderemos facer. É indispensable lograr desterrar este tabú presente sobre as enfermidades mentais para detectalas a tempo e reducir as súas secuelas a futuro. Do mesmo xeito, é imprescindible un maior número de especialistas e medios que poidan facer o seguimento apropiado a cada paciente. E por último, aínda que non todos os casos de suicidio están estreitamente ligados coas enfermidades mentais, si o están coa súa percepción social... e disto depende a posibilidade de parar a súa tendencia a alza e revertila canto antes.

Comentarios