Opinión

Vasquite

A decisión de Bildu de votar a favor do decreto de medidas económicas urxentes causou un certo estupor en Catalunya. Por primeira vez desde a chegada ao poder de Pedro Sánchez os tres partidos independentistas cataláns, ERC, Junts e a CUP, estaban de acordo en votar contra o líder socialista, pasara o que pasara, evidentemente como represalia ao 'Catalán Gate'.

Esquerra, especialmente, quería demostrar que é imprescindíbel para soster o goberno de PSOE e Unidas-Podemos e resulta que non o puido facer debido precisamente á actitude de Bildu, partido co cal mantiñan unha relación tan estreita que parecían ser un só e mesmo grupo. O feito de que tanto Arnaldo Otegi como Jon Iñarritu tamén fosen espiados con 'Pegasus' creara unhas expectativas, no sentido de que era imposíbel que salvasen a Pedro Sánchez que, como se viu, eran máis que esaxeradas.

Volveuse escoitar aquela cantilena que di que os vascos sempre van á súa e só pensan no que poden conseguir a curto prazo

Á vista disto algunha xente por aquí reaccionou moi mal, volvendo sacar a pantasma da "vasquite". E volveuse escoitar aquela cantilena segundo a cal os vascos sempre van á súa e só pensan no que poden conseguir a curto prazo para eles. E eu teño que dicir que podo entender a frustración pero paréceme inxusto reaccionar así.

Non discutirei que Bildu vai á súa. Pero lembrarei que tamén van á súa os partidos cataláns, por separado ou unidos. A nós, Martxelo, María, que ao final non deixamos de ser senón observadores neutrais, pódenos parecer máis ben ou máis mal, en termos morais, pero en calquera caso temos a obrigación de saber que a política se fai así. Comprobámolo unha e outra vez ao longo das nosas vidas.

Poida que a chantaxe cos presos vascos estea na orixe do voto. Non o sei. Pero o que sei é que España hai tempo que xoga a este xogo. Sempre hai unha Convergència, un PNV, unha Esquerra ou un Bildu que os salva no último minuto por que son, ou eran, catro grupos tan diferentes e enfrontados que os poden manipular a conveniencia. Niso Madrid ten moita sorte.

Comentarios