Opinión

A prisión de Pablo Hasel e os Mossos na Meridiana

Esta semana, concretamente a cuarta feira, fixo un ano do ingreso en prisión do rapeiro Pablo Hasel. Hasel está no cárcere de Ponent, en Lleida, unha desas prisións que os cancioneiros antigos, neste caso o cancioneiro popular catalán, inmortalizaron xa hai séculos.

A detención e posterior entrada en prisión de Hasel espertou en Catalunya e noutras partes de Europa unha onda de solidariedade que un ano despois parece apagarse. Efectivamente esta vez non vimos as grandes manifestacións que se viron aqueles días, pero si que tiveron lugar actos en recordo da efeméride. Máis aló desta circunstancia concreta, con todo, o que resulta evidente é que boa parte da sociedade non entende, simplemente porque non se pode entender, esta persecución desaforada que se exerce contra un artista. Artista co cal se pode estar máis ou menos de acordo ou que che pode gustar máis ou menos, pero que non fixo outra cousa que cantar, falar e expresarse.

Precisamente esta mesma semana a Comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa,  Dunja Mijatovic, enviou ao parlamento español unha dura carta na cal cualifica de alarmante o gran número de condenas que teñen lugar no Reino de España en aplicación da coñecida como Lei Mordaza.

As liberdades máis elementais vense así ameazadas e, por desgraza, Martxelo e María, non só desde España. Toda esta semana produciuse en Barcelona un constante xogo do gato e o rato entre os manifestantes que se concentran cada noite, desde hai máis de seiscentas, na Meridiana, para expresar o seu rexeitamento á represión e aos Mossos d'Esquadra, que desde o sábado pasado tentan impedir cada noite que o fagan. Ilegalmente.

Porque mesmo existe xurisprudencia do propio Tribunal Constitucional español que avala o dereito a te manifestares cando o consideres oportuno e por tanto tempo como creas necesario. As cousas que hai que ver.

Comentarios