Opinión

PP

As eleccións á Comunidad de Madrid van marcar un antes e un despois na política española. O españolismo ultra parece que atopou finalmente a panca que buscaba desde principios de século e témome que vai protagonizar a partir de agora unha ofensiva para a cal nos teremos que preparar. Os outros.

O éxito de Ayuso é imposíbel de discutir pero hai un matiz que se pode e que se debe pór sobre a mesa tamén. Que é a actuación, desastrosa, de Pedro Sánchez. Porque Sánchez perdeu unha ocasión histórica e dilapidou unhas condicións únicas.

Cando el chegou ao poder había tres circunstancias que permitirían expor un cambio real a nivel de Estado. Por unha banda a crise catalá e o final da ETA poñían sobre a mesa a necesidade de non frear por máis tempo a reforma territorial. Por outra a crise da monarquía abría unha porta como mínimo á reforma constitucional. Pero sobre todo a forma en que se afundiu Raxoi e o PP, acurralados pola corrupción, abría unha xanela de oportunidade insólita. O PP non estaba en condicións de facer demasiada oposición.

Pedro Sánchez consolidou a deriva autoritaria con actuacións como a xestión militarista nos primeiros meses da pandemia. E permitiu que o PP se recupere e Vox se afiance

A pesar de todo iso, Pedro Sánchez non fixo nada. Peor aínda: consolidou a deriva autoritaria do Estado con actuacións tan lamentábeis como a súa xestión militarista nos primeiros meses da pandemia. E con iso permitiu que o PP se recupere e Vox se afiance.

E poucas imaxes hai neste sentido máis demoledoras que ver a Ayuso e Casado celebrando a vitoria no famoso balcón de Xénova. O PP puxera á venda o edificio, porque necesita diñeiro pero tamén porque necesitaba desmarcarse do pasado de corrupción. O peche de Xénova era, neste sentido, un golpe de imaxe duro para o PP. Pero aí están as imaxes da vitoria, como un agasallo inesperado. Unha última festa na sede de sempre para un partido que estaba nas últimas e ao que se lle regalou unha nova vida, desde a esquerda máis torpe, seguramente, do mundo enteiro.

Comentarios