Opinión

Pois iso

Estas eleccións non se terían que facer este domingo, en plena pandemia. O risco sanitario e o risco de deslexitimación do resultado, se a abstención é demasiado alta, deberían facer reflexionar o Partido Socialista, que é o culpábel da situación, xa que foi o único que se desmarcou do acordo para pasalas ao mes de maio.

E estas eleccións non se terían que facer este domingo porque a lexislatura aínda ten un percorrido de preto dun ano. Se se fan agora é porque os tribunais españois inhabilitaron o presidente Quim Torra por expresar a súa solidariedade cos presos políticos e cos exiliados. Igual que pasou en 2017, estas eleccións non foron convocadas desde Catalunya.

Tres anos despois do golpe de man do 155 o nacionalismo español segue sen poder derrotar Catalunya, cada vez máis nervioso porque cada vez complícaselle máis a fronte exterior -véxase o espectacular repaso do ministro Lavrov a Josep Borrell, como exemplo. 

Desde Moncloa esperan poder romper a unidade e abrir a posibilidade dun Goberno con independentistas pero non independentista

E por isto puxeron toda a carne no asador para chegar ás eleccións de domingo en disposición de que un partido español, nesta ocasión o PSOE, as gañe. Hai tres anos gañounas un partido español, Ciudadanos, aínda que non lle serviu de nada porque a suma dos tres grupos independentistas produciuse. Esta vez desde Moncloa esperan poder romper esta unidade e abrir a posibilidade dun Goberno con independentistas pero non independentista. 

Para iso inhabilitaron o presidente Torra, para iso impuxeron unhas eleccións en pandemia, para iso organizaron o lanzamento estratosférico do ministro Illa. Mais...
Cando Churchill gañou a guerra, perdeu as eleccións que se convocaron inmediatamente despois. E contan que na noite electoral o seu equipo estaba moi irritado polo que consideraba unha falta de respecto do electorado. El respondeu: a democracia é perfecta pero o seu único fallo é que a xente vota o que quere. Pois iso.

Comentarios